Vinte e cinco familias de Frades veñen de recibir outros tantos composteiros entregados polo concelleiro de Medio Rural, Manuel Ferreiro Marzoa, e previamente achegados por Sogama. Este terceiro reparto fai que arredor dun cento de familias do municipio conten cun composteiro, sumándose así a un proxecto de valorización da materia orgánica nas súas vivendas para convertela nun compost de calidade.
Os composteiros contan cunha capacidade de 400 litros e están fabricados con materiais reciclados e reutilizables. O concelleiro de Medio rural explica que "a compostaxe doméstica trae consigo importantes vantaxes ambientais, económicas e sociai". Lembra Ferreiro Marzoa que "dado que a materia orgánica representa o 42% dunha bolsa de lixo tipo, ao recuperala no propio fogar, evítase o seu depósito nos contedores verdes convencionais, propiciando desta forma que os servizos municipais poidan minorar a frecuencia de recollida e transporte dos residuos e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera".
Ademais, o edil recorda que o feito de que medre o uso da compostaxe no municipio supón un beneficio económico, xa que reduce a cantidade de residuos que se envían a Sogama para o seu tratamento, polo que o importe da factura a pagar será menor. Ademais supón a recuperación dunha práctica tradicional no rural galego, como é a separación dos restos orgánicos para alimento do gando e/ou elaboración de compost.
Comments