top of page

Reunión da Xunta cos alcaldes de Frades, Tordoia e Trazo sobre axudas a concellos



O delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, mantivo unha reunión de traballo cos alcaldes de Trazo, Frades, Tordoia e Val do Dubra para informar da convocatoria de axudas, por importe de 4 millóns de euros, para que os concellos cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes poidan executar obras de abastecemento, saneamento e depuración.


O representante do Goberno autonómico destacou que “con esta liña de axudas o Goberno galego segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida das veciñas e veciños dos municipios máis pequenos de Galicia”.

Trenor subliñou que mediante esta convocatoria para o exercicio 2021, subvencionaranse os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro na execución de obras necesarias para o funcionamento óptimo dos sistemas de abastecemento municipal; nas obras dirixidas á execución de actuacións de modernización e aumento da eficiencia e eficacia das instalacións de saneamento e depuración existentes; ou os destinados á construción de novas infraestruturas.


O importe destas axudas terá un límite máximo de 50.000 euros por solicitude e cada concello poderá presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento, e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.

As subvencións distribuirase en dous grupos, o 50% do importe destinarase a obras executadas en sistemas de abastecemento e outro 50% restante a obras executadas en sistemas de saneamento e depuración.


Os concellos interesados dispoñen dun mes de prazo para a presentación de solicitudes, contado desde o pasado 25 de marzo. Deberán presentar as ditas solicitudes a través do formulario dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.


Estas subvencións, compatibles con outras axudas, inclúen tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.


Esta nova actuación da Xunta conta coa financiación do Eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.

Commentaires


bottom of page