top of page

Pesar en Frades pola morte de José María Botana López, Fillo Predilecto do municipio

Actualizado: hace 2 días







Ao mediodía do 11 de marzo morría José María Botana López, Fillo Predilecto de Frades. Nacido en Frades no ano 1933, a súa familia é oriunda da parroquia de Vitre. Fillo de José María Botana Sánchez, que foi secretario municipal no Concello de Frades, e de Josefa López Díaz-Varela, mestra en varias parroquias do municipio, residiu ata os 11 anos en Cimadevila. Unha familia que fóra a propietaria do inmoble que alberga a actual casa consistorial, xa que mercaran este edificio para albergar a escola e as dependencias municipais. Na actualidade vivía na Coruña.

 

Fillo predilecto

 

Maxistrado xubilado do Tribunal Supremo, José María Botana López foi nomeado Fillo Predilecto do Concello de Frades nun acto celebrado o 7 de marzo de 2011, nun acto que contou coa presenza de máis de medio milleiro de veciños e veciñas do municipio e do daquela presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijoo.

 

Un acto no que asegurara que “sempre presumín de ser de Frades, de onde son os mellores grelos do mundo”. Ademais, agradecera especialmente que a corporación municipal decidira darlle o seu nome ao multiúsos xa que consideraba que era “un edificio símbolo da transformación do pobo de Frades, que cando nacín non tiña ningunha comodidade e se transformou nunha sociedade do século XXI”.

 

Destacada carreira profesional

 

José María Botana López era maxistrado xubilado do Tribunal Supremo, con destino na Sala Cuarta do Social. Tomou posesión do seu cargo o 9 de marzo de 1998, en virtude do real Decreto 293/98 de 26 de febreiro, sendo nomeado maxistrado emérito por acordo do Pleno do Consello Xeral do Poder Xudicial de 12 de maio de 2004.

Comments


bottom of page