top of page

Oroso é o primeiro concello da comarca en ter listo o plan para reducir o CO2 nun 40% en 2030


Oroso é a día de hoxe o primeiro concello da comarca que xa ten listo o documento e o plan, que implica reducir nun 40% as emisións de efecto invernadeiro no 2030, aumentando o uso de enerxías renovables e baixando o consumo enerxético.

O concello adheriuse ao Pacto das Alcaldías o 20 de marzo de 2019 xunto a outros 120 concellos galegos, obri­gándose, segundo o compromiso asinado, a elaborar un Plan de Acción para o Clima e a Ener­xía (PACES) nun prazo máximo de dous anos.

“Queremos ser pioneiros na aplicación do plan, Oroso ten un alto potencial natural e paisaxístico que temos que coidar entre todos, o respecto ao medio ambiente e a loita contra o cambio climático sempre foron prioridades da nosa acción de goberno”, afirma o alcalde, Manuel Mirás.

Para realizar o plan, o concello elaborou un inventario de emisións municipal co obxectivo de obter un diagnóstico de referencia das emisións de GEI (Gases de Efecto Invernadoiro) resultantes do consumo de enerxía.

O concello de Oroso emitiu á atmosfera, durante o ano 2014, 24.742,02 toneladas de CO2, o que corresponde a 3,34 toneladas de CO2 por habitante. O sector que máis contribúe ás emisións é o do transporte privado e comercial, responsable do 59,01%. Séguelle o sector edificios, equipamentos e instalacións residenciais cun 32,46%. O alumeamento público e os edificios municipais suman en conxunto o 1,96% das emisións totais.

As medidas propostas no plan prevén que o municipio de Oroso reduza as emisións de CO2 nun 40% ata 2030, con respecto ás emisións do ano 2014. As medidas de mitigación contemplan os diferentes sectores que contribúen ás emisións atmosféricas e pretenden unha redución máis efectiva no sector dos transportes (60% de redución de emisións en 2030), seguido do sector residencial e terciario.


PACTO EUROPEO DAS ALCALDÍAS POLO CLIMA

O Pacto Europeo das Alcaldías para o Clima e a Enerxía é unha iniciativa europea que nace no 2008, á cal se suman voluntariamente gobernos locais e rexionais, adquirindo mediante a súa adhesión ao pacto, uns compromisos en materia de clima e enerxía comúns a toda a UE para aplicalos ao seu territorio.

Actualmente, inclúe más de 7.000 autoridades locais e rexionais de 57 países. Os asinantes do Pacto compar­ten unha visión común para 2050: acelerar a descarbonización dos seus territorios, fortalecer a súa capacida­de para adaptarse aos impactos ineludibles do cambio climático e conseguir que os seus cidadáns e cidadás teñan acceso a unha enerxía segura, sostible e accesible.

Comentários


bottom of page