top of page

Oroso, unha excepción demográfica en Galicia



O Concello de Oroso foi un dos cinco municipios galegos que rematou 2020 con crecemento vexetativo positivo, é dicir, máis nacementos que defuncións, un dato moi destacable nun ano especialmente complicado pola pandemia do coronavirus.

A evolución do censo poboacional en Oroso é moi boa desde hai xa décadas. O número de habitantes rondaba os 3.700 en 1990 e os 5.200 no 2000, polo que o incremento supera o 40% nos últimos 20 anos, ata os máis de 7.500 residentes cos que conta oficialmente a día de hoxe.


A cifra real, incluídas as persoas que viven de forma habitual en Oroso pero non están censadas, é duns 9.000 residentes, unha estimación que o concello realiza tendo en conta os consumos reais de auga, o lixo que recolle e outras variantes.


“Son varios os motivos que explican esta tendencia al alza, pero estamos orgullosos de ver como a nosa aposta por uns servizos públicos de calidade reflíctese no interese de moitas familias e particulares por vivir en Oroso”, explica o alcalde, Luis Rey.


A existencia de tres escolas infantís no concello permite a escolarización completa de todos os nenos e nenas de 0 a 6 anos sen listas de espera ou a necesidade de desprazarse obrigatoriamente a outros municipios.


Ademais, o Concello de Oroso está moi ben comunicado por estrada, cerca de Santiago de Compostela e con dous accesos á AP-9. Por outra parte, hai unha elevada demanda de empresas interesadas no seu polígono industrial, no que traballan 2.000 persoas, e o municipio conta cun sector servizos de calidade (comercio e hostalería).


“Temos un bo centro de saúde e somos conscientes de importancia do deporte e a cultura; hoxe en día, máis de 1.500 persoas fan deporte de forma federada en Oroso e a programación cultural atrae a 5.000 persoas ao ano”, engade o alcalde.


Xa con vistas ao futuro a curto e medio prazo, Oroso ten perspectivas de manter o incremento no censo, na medida en que aumente a oferta inmobiliaria e o emprego. Haberá máis chan industrial para satisfacer a demanda das empresas que queren instalarase no concello ou ampliar as súas actuais instalacións.

Comentários


bottom of page