top of page

Oroso, Trazo e Cerceda en alerta alta COVID-19, co resto da comarca en medio-alta



O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, compareceu esta mañá para dar conta das últimas decisións do Goberno galego no combate contra a pandemia de COVID-19. Feijoo sinalou que toda Galicia sobe con carácter xeral a nivel medio-alto de restricións, agás os concellos que soben ou se manteñen en nivel alto. En toda a comunidade queda adiantado unha hora o toque de queda, que será ás 22h, e todos os peches perimetrais pasan a ser individuais, sen posibilidade de saír dos concellos confinados para ir a outros limítrofes que tamén o estean. Desaparecen, xa que logo, as "améndoas". As medidas entran en vigor na media noite do xoves 14 ao venres 15.


No caso da comarca de Ordes, os concellos de Oroso, Trazo e Cerceda quedarán en nivel máximo de restricións, co resto de municipios (Ordes, Frades, Tordoia e Mesía) en nivel medio-alto.


No caso dos municipios en máxima alerta, non se poderá saír deles sen causa xustificada. A hostalería abrirá ata as 18h con servizo só en exteriores, sempre ao 50% de aforo máximo. Nos municipios en alerta medio-alta, a hostalería si poderá abrir en interiores, sempre ao 30%.


Con carácter xeral, en toda Galicia rexen unha serie de medidas en ámbitos como o deportivo, hospitalario ou comercial. Nos hospitais non poderá haber máis dunha persoa nas visitas a cada paciente. En cinemas, teatros e auditorios, o aforo máximo será de 250 en interiores e 500 ao aire libre, sempre sentados. As actividades deportivas xuntarán como máximo a 4 persoas e en aforo ao 50%.


A Xunta pide que non se produzan reunións en domicilios logo das 18h. O presidente, Núñez Feijoo, sinalou que son conscientes de que o ámbito familiar produce máis contaxios que as xuntanzas na hostalería e pide que nas casas só estea a unidade familiar.

O comercio deberá ter a capacidade ao 50% e non pechar logo das 21:30. Os centros comerciais pecharán as áreas comuns para que non se produzan reunións nin conversas entre clientes.


A Xunta recomenda encarecidamente manter a actividade esencial: sanitaria, educativa, laboral, compra de alimentos ou coidados. Feijoo prometeu apoiar ao sector hostaleiro. No día de hoxe Galicia aproxímase aos 9.500 contaxios activos. A terceira onda bate con forza.



Comments


bottom of page