top of page

Oroso recoñecerá o labor de Protección Civil



O pleno do Concello de Oroso aprobou hoxe por unanimidade a incoación do expediente para a concesión da Insignia de Ouro do municipio á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil.

Todos os grupos coincidiron no merecemento desta distinción a Protección Civil, que leva moitos anos prestando servizos de relevancia no Concello en beneficio dos veciños e veciñas.

A súa labor foi especialmente destacada nos meses de Estado de Alarma e confinamento do ano pasado, levando medicinas e productos de primeira necesidade ás persoas maiores, repartindo material de protección ou realizando tarefas de desinfección nos espazos públicos. A concelleira Vanesa Boo será a instrutora do expediente.

Na sesión plenaria aprobouse tamén a adhesión do Concello de Oroso ao convenio para que sexa a Academia Galega de Seguridade Pública, dependente da Xunta, a que xestione os procesos selectivos para o acceso ás novas prazas de Policía Local no municipio.

O grupo de goberno fará todo o posible para incrementar o número de prazas de Policía Local, tras a sentenza recibida a semana pasada. A Taxa de Reposición posta en marcha polo goberno de Mariano Rajoy e todavía vixente impide aos concellos a oferta de novas prazas de emprego públicas.

“É unha situación inadmisible que vulnera a autonomía local, os concellos estamos indefensos; recurriremos a sentenza e chegaremos se fai falla aos tribunais internacionais, isto non pode continuar así”, lamenta o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.

Comments


bottom of page