O Concello de Oroso avanza desde hai semanas nas tarefas de recuperación e posta en valor dos terreos da antiga mina das Grobias en Porto Avieira.
En coordinación coa Xunta de Galicia e baixo a supervisión dun equipo de arqueoloxía, o Concello de Oroso realiza traballos de limpeza nos terreos, co obxectivo utilizalos como zona de paseo e disfrute por parte dos veciños e veciñas.
“Entre os anos 2003 e 2005 tomei a iniciativa de facer o primeiro PXOM de Galicia adaptado á nova Lei do Chan, e foi aí cando descubrimos As Grobias e a posible mina de ouro da época romana”, explica o alcalde de Oroso, Manuel Mirás Franqueira.
Mirás e o concelleiro de Promoción Económica e Deportes, Antonio Leira, visitaron hoxe a zona, destacando a importancia de engadir a antiga mina ao patrimonio natural do concello.
“Conectará coas sendas peonís, un paso máis na nosa aposta pola natureza e a sustentabilidade”, afirma Leira. A intención do concello, unha vez rematen os traballos, é instalar ademais un panel informativo na zona para explicar a orixe da mina das Grobias.
Desde hai anos, O Concello de Oroso ten entre as súas prioridades de goberno a posta en valor e o aproveitamento dos seus recursos naturais por parte dos veciños e veciñas, potenciando os hábitos de vida saudables, o deporte e o lecer ao aire libre.
Dentro desa aposta e na mesma zona de Porto Avieira, os orzamentos municipais do ano 2021 inclúen a posta en marcha dun novo circuíto de lecer e multideporte, ao redor do campo de hípica e de béisbol, no que se poderán practicar varias modalidades deportivas andando, correndo, en bicicleta ou patinete.
O proxecto para a zona inclúe unha área canina, no que os cans poderán realizar tamén diferentes exercicios.
Comments