top of page

Oroso encarga a elaboración do proxecto do novo polideportivo



O Concello de Oroso encargará nas próximas datas a elaboración do proxecto para a construción dun novo pavillón polideportivo, unha infraestrutura que completará as xa existentes para dar resposta á elevada demanda dos clubes.


“En Oroso, máis de 1.500 practican algún deporte de forma federada, máis as que o fan pola súa conta, polo que queremos mellorar e ampliar as infraestruturas do concello neste eido”, explica o alcalde, Luis Rey Villaverde.


“Xa temos varias ubicacións previstas e conversas con outras administracións para pedir axuda no financiamento do pavillón, polo que sacamos a concurso a elaboración do proxecto para avanzar na súa posta en marcha”, engade o alcalde.


O novo pavillón non será a única infraestrutura que se engadirá ás que hai actualmente en Oroso, xa que o proxecto de climatización da piscina inclúe un ximnasio multiusos que estará a disposición dos veciños e veciñas.


“Somos unha referencia na comarca polos convenios que temos con todos os clubes deportivos, as bolsas individuais ou as axudas para os desprazamentos en autobús das escolas deportivas locais, pero queremos dar un paso máis cun segundo pavillón polideportivo”, remata Luis Rey.

Comments


bottom of page