top of page

Oroso celebra a Festa da Troita do 6 ó 8 de maio co obxectivo de ser capital gastronómica de Galicia



O Concello de Oroso celebra os días 6, 7 e 8 de maio a XXIV Festa da Troita, que recupera a súa programación habitual tras o parón obrigado pola pandemia do coronavirus.


O municipio convertirase esa fin de semana na capital da gastronomía o do ocio en Galicia, xa que está prevista a asistencia de milleiros de persoas. Esta mañá, o salón de plenos do Concello de Oroso acolleu o acto de presentación do cartel e a programación da festa, coa presenza do alcalde, Luis Rey Villaverde; a tenente de alcalde, Beatriz Rodeiro; a concelleira de Ensino e Muller, Isabel Fernández, e o concelleiro de Turismo e Promoción Económica, Antonio Leira.


“É unha satisfacción para nós celebrar de novo a Festa da Troita, coa que recuperamos a normalidade e demostraremos unha vez máis que somos un concello acolledor cos que nos visitan; temos un evento cada vez máis coñecido en Galicia, noutras comunidades autónomas e Portugal”, asegura Luis Rey.


No amplo programa deste ano, hai espazo para as orquestras, campionatos de pesca, obradoiros, feira de artesanía e pasarrúas. A festa comezará o venres 6 pola noite co festival Oroso en Vivo, no que actuarán as orquestras Panorama e Marbella.

Como non podía ser doutra maneira, haberá tamén a tradicional degustación de troita na Alameda de Góis e nos establecementos de hostalaría colaboradores. Nos próximos días anunciarase o nome da persoa encargada do pregón.


“A nosa gran cita para a gastronomía e a diversión é Festa de Interese Turístico, pero os que nos visiten atoparán moitas cousas máis: Oroso é natureza, gastronomía e hospitalidade; sempre é un bo momento para saborear a troita e pasear polos sendeiros naturais do municipio”, engade o alcalde.


“Para todos os veciños e veciñas de Oroso, é un orgullo e un motivo de ledicia acoller a XXIV Festa da Troita; como cada mes de maio, demostraremos que somos un concello con moito que ofrecer desde un punto de visto gastronómico, paixasístico e lúdico”, rematou.

コメント


bottom of page