As pistas do CEIP Camiño Inglés de Oroso e o pavillón municipal de Oroso serán o escenario do I Campus Obradoiro Cabreiroá. Esta mañá coñecéronse os detalles desta primeira edición nunha rolda de prensa que tivo lugar no pavillón municipal do Concello de Oroso e na que estiveron presentes o alcalde e o concelleiro de Deportes, Luis Rey e Antonio Leira; o director xeral do Monbus Obradoiro, José Luis Mateo; o director da canteira obradoirista, Camilo Riveiro; e o encargado da área de Educación Física, do CEIP Camiño Inglés, Álvaro Raviña.
O alcalde de Oroso confesou sentir unha gran “alegría por este novo Campus e esta nova aposta. Presido un goberno que ten unha aposta clara polo deporte porque achega virtudes importantes para a sociedade, que os nenos fagan deporte implica que traballen en equipo e adquiran valores fundamentais. Grazas ao colexio e ao Obra. Sabedes que en Oroso tedes a vosa casa”.
Pola súa parte, Antonio Leira destacou que “hoxe é un día importante. Estou moi ilusionado porque, tras este parón dun ano, podemos retomar a actividade deportiva, neste caso do baloncesto, no que temos unha ilusión depositada enorme. Agradecer á familia de Obradoiro por confiar no Concello e felicitar ao CEIP Camiño Inglés, porque foi unha das apostas que hai anos perseguiamos. Non entendiamos por que Oroso non tiña baloncesto porque hai afección por este deporte e polo Obra. Tiñamos esa obrigación de empuxar este proxecto. Este Campus é o pistoletazo de saída para retomar estas actividades, así que grazas por confiar no noso Concello”.
José Luis Mateo presentou este I Campus Obradoiro Cabreiroá: “Como sabedes, a pesar da situación sanitaria na que nos atopamos, desde o club queriamos seguir ofrecendo actividades nas que os nenos e nenas poidan seguir aprendendo e gozando do seu deporte favorito. E por iso naceu este Campus, que se suma ao que xa temos desde hai anos en Boiro. Coas restricións da pandemia non todos os nenos que veñen habitualmente van poder asistir, por iso quixemos duplicar esa actividade, para que ninguén quede sen baloncesto no verán”.
O director xeral do Monbus Obradoiro continuou explicando que “escollemos o Concello de Oroso porque aquí temos varias das nosas escolas nas que os máis pequenos xa senten obradoiristas. A pandemia non permitiu actividades extraescolares durante esta tempada e a escola quedou suspendida, pero temos moi claro que seguiremos traballando xuntos e o curso que vén retomaranse e os nenos poderán retomar a súa actividade favorita”.
“Por iso, quero dar as grazas, en primeiro lugar, ao Concello de Oroso e ao CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, polas facilidades para a organización e a cesión das instalacións. E tamén a Cabreiroá, por ser un dos patrocinadores principais deste evento tan especial e por non dubidar en seguir apostando por actividades de formación como esta, tan importantes para un club como o noso. Grazas a este tipo de patrocinadores a nosa canteira continúa crecendo”, engadiu.
Camilo Riveiro deu os detalles da actividade: “O campus desenvolverase do 28 de xuño ao 2 de xullo, en horario de 09:30 a 14:30 horas, nas pistas do CEIP Camiño Inglés e no pavillón municipal de Oroso. Este ano realizarase en grupos reducidos e seguindo todas as medidas do protocolo de Deporte Galego.
Continuaremos abarcando todas as categorías de formación, desde Babybasket ata Junior (nacidos desde 2015 a 2003). Esperamos que sexa un éxito máis e que esta actividade póidase prolongar no tempo”.
Todos os interesados en asistir ao campus deben encher o formulario de inscrición e realizar o abono da matrícula a través dunha transferencia bancaria (ES23 2080 0375 1930 4001 8467) ou nas oficinas do club solicitando cita previa.
Posteriormente débese enviar a ficha de inscrición e o xustificante bancario do ingreso ao seguinte correo electrónico (campusoroso@obradoirocab.com).
Os prezos oscilan entre os 110 e os 130 euros e os federados/ XOGADE, abonados ou accionistas, membros da Fundación Heracles, membros da canteira ou segundo irmán rexistrado poderán optar a diferentes tipos de descontos ofrecidos pola Fundación Heracles.
Comments