Galicia mellora a súa situación epidemiolóxica e relaxaranse algunhas das restricións máis importantes. Esa é a mensaxe que deu hoxe o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, logo de que onte o comité do Goberno galego anunciase que as áreas perimetrais de Santiago e Ourense volvían a nivel 2. Oroso permanecerá pechado, pero as personas non conviventes poderán xuntarse en grupos de ata 4 persoas e a hostalería funcionará ao 30% de aforo -interior- e 50% -exterior- ata as 17h, a partir do sábado.
No resto da comarca, as xuntanzas poderán ser de ata 6 persoas. A hostalería abrirá ao 50% en interior e 75% en terrazas ata as 23h.
A segunda onda da pandemia en Galicia encamíñase cara á superación das cifras de falecementos da primeira -619-, pero as autoridades galegas confían nunha desescalada controlada logo dun duro mes de novembro. As medidas tomadas hai un mes contiveron a expansión da doenza e a Xunta abre a man para dar un chisco de aire a sectores coma o da hostalería.
Recomenda a Xunta, porén, limitar os encontros sociais na medida do posible, en especial no domicilio. Para a Coruña, as xuntanzas poderán ser de ata seis persoas, e a hostalería abrirá ao 40% en interior e 50% en exterior coa mesma restrición nos grupos de persoas. Arteixo, Oleiros, Cambre e Culleredo estarán na mesma situación.
A mobilidade con Portugal durante a ponte restritirase. Mantéñense, ademáis, os peches perimetrais nas zonas en nivel 3 (máximas restricións).
Para levantar esta medida será necesario, entre outros criterios, acadar unha incidencia acumulada de 100 casos por cada 100.000 habitantes ao longode 14 días. O confinamento de 23 a 6h non mudará por agora. A Xunta terá ademáis en conta en conta unha serie de indicadores como a son a incidencia semanal, a positividade global das probas de diagnóstico ou a porcentaxe de casos con trazabilidade. Tamén a ocupación de camas en hospitais e UCI.
Feijoo asegurou que a tendencia de outubro era “preocupante”, pero que a actual situación amosa unha “tendencia sostida e constante á baixa”. Aínda así, o presidente galego amósase preocupado pola situación e confirmou que a desescalada non será igual en todo o territorio.
No concello de Oroso hai hoxe, mércores 2 de decembro, 13 casos activos de coronavirus, segundo comunican ao Concello da xerencia da área sanitaria. Todos eles están recuperándose nos seus domicilios. Non hai ningún ingresado nos hospitais.A incidencia acumulada no concello nos últimos 14 días é de 253 casos por cada 100.000 habitantes.
O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, participou esta mañá con outros alcaldes e alcaldesas nunha reunión por videoconferencia coa Consellería de Sanidade, na que se lles comunicou que nos próximos días a Xunta fixará de forma pormenorizada os criterios para a apertura gradual da hostalería e para a celebración de outro tipo de actividades como as culturais. Ata que se publique a orde correspondente no DOG, non está permitida ningún tipo de apertura ou actividade.
Desde o Concello de Oroso quérese enviar unha mensaxe á veciñanza: a evolución da situación epidemiolóxica no municipio é boa pero é fundamental manter o respecto ás recomendacións hixiénico-sanitarias nas próximas datas.
Comentarios