top of page

Ordes reacciona ao peche de Abanca en Mesón do Vento



Logo de ter coñecemento de que ABANCA Corporación Bancaria, S.A. pretende pechar o vindeiro 21 de xullo a sucursal de ABANCA en Mesón do Vento,o Concello de Ordes fixo público un documento elaborado baixo acordo unánime de todos os representantes dos grupos políticos e concelleiros non adscritos no que sinalan que a institución "nin comprende, nin moito menos comparte o anuncio". Lembran que "o núcleo de Mesón do Vento é un dos dous cascos urbanos cos que conta o Concello de Ordes, e é o segundo núcleo máis poboado deste municipio, polo que o peche prexudicará gravemente a numerosas empresas, comercios e particulares da zona que teñen como entidade bancaria de referencia esa oficina bancaria, así como aos núcleos de poboación mais próximos pertencentes aos Concellos limítrofes de Cerceda, Abegondo, Carral e Mesía, que tamén fan uso da mesma".


Esta decisión, sinalan, "ademais de obrigar ao desprazamento de centos de usuarios, satura e fai aínda máis precario o servizo na que actualmente é a única oficina que Abanca pretende manter aberta no noso municipio" (na rúa Alfonso Senra, 104). Denuncian que nesta última "por certo, xa resulta habitual ollar ringleiras de persoas agardando a ser atendidas".


Dende o Concello lamentan que "nun momento no que hai consenso da necesidade de apostar firmemente polo rural, Abanca, unha entidade historicamente ligada a Galicia, pon en marcha políticas empresariais que desmantelan servizos básicos neste medio". Neste sentido, "Ordes resulta unha clara mostra deste desmantelamento, posto que antes da fusión de Caixanova e Caixa Galicia contaba no seu territorio cun total de catro oficinas bancarias do grupo que actualmente conforma Abanca, das cales agora só quedan dúas, que se verán reducidas a unha única oficina de consumarse finalmente o peche anunciado".


Por último, fan un chamamento público á toda a veciñanza ordense para que lle traslade á entidade bancaria o malestar cunha decisión "que ataca de cheo ao noso municipio". "O Concello de Ordes, como institución democrática máis próxima á cidadanía, tomará as medidas ao seu alcance para que Abanca reconsidere a súa decisión, reservándose o dereito a operar preferentemente con entidades bancarias que aposten polo rural e a veciñanza do noso concello", finalizan.

Comentarios


bottom of page