O grupo do Partido Popular na provincia da Coruña asegurou no pleno celebrado esta semana, a través do seu viceportavoz, Evaristo Ben, que existe "malestar" entre os representantes dos terreos cinexéticamente ordenados (tecores). Refírense, concretamente, ás queixas expostas polo presidente de Aproca Noroeste, José Luis García Bello, a raíz da denegación por parte da Deputación da maioría das subvencións solicitadas por estas asociacións para o financiamento das súas actividades nos anos 2021.
Durante a súa intervención, Ben denunciou que os representantes dos ‘tecores’ descoñecen os criterios de baremación da convocatoria deste ano e a puntuación concreta lograda por cada solicitante. O representante popular acrecentou que o período para presentar alegacións á resolución pasou de 10 a 5 días. “Teñen que facer fronte ao feito de que, pola súa actividade, non poden aspirar a unha serie de puntos que se outorgan na convocatoria e que son fundamentais para lograr estas subvencións, e non poden lograr os criterios económicos que se lles pide”, lamentou Ben.
Por todo isto, explicou o viceportavoz, estas entidades están a soportar "un desequilibrio importante nos seus orzamentos" que pon "en serio risco" o seu futuro. “Igual que a Deputación outorga nominativas a moitas asociacións para poder sobrevivir, creo que neste caso, habería facer os mesmo”, demandou Ben, quen lembrou que os ‘tecores’ realizan un labor “moi importante” de conservación e de prevención no monte e xeran unha “notable” actividade económica na provincia.
O portavoz dos populares deixou caer unha exclusión a estas axudas baseada nunha "cuestión ideolóxica" contra a caza e reclamou cambiar as bases de cara a a convocatoria do próximo ano.
Comments