
A necesidade de definir un protocolo ou manual de boas prácticas legal, ético e de xestión para o tratamento dos arquivos e das persoas implicadas neles, será o fío condutor de ‘Traducir a tradición’, decimo novena cita das xornadas ‘A Cultura é un dereito’, organizadas pola área de Cultura da Deputación da Coruña. Celebrarase do 19 ao 21 de marzo na sede Noroeste da SGAE, en Santiago de Compostela, onde se reunirán Xabier Díaz, Ania González, Xulia Feixóo, Francesc Viladiu, Quique Peón, Gabi Reboredo, Concha Losada, Rubén Troitiño e Ramom Pinheiro, entre outros nomes destacados dos eidos estatais da música, a etnografía, a docencia o dereito ou a antropoloxía.
A música, produtora e xestora cultural Aitana Cuétara será a comisaria dun ciclo co que colabora o proxecto ‘O que non se escribe’ e que, segundo a deputada de Cultura, Natividade González, “quere colocar o noso patrimonio oral, os saberes comunais transmitidos de xeración e xeración, construídos colectivamente, na creación musical contemporánea, con todo o que isto implica en canto a distribución, visibilidade e comercialización”. “Porque é evidente”, engade, “que hai un debate aberto sobre a propiedade e o recoñecemento de toda a cadea, pero tamén sobre a xestión emocional deste momento histórico que estamos a vivir en torno á música tradicional”.
Para González, a xornada “é unha oportunidade única para reflexionar sobre o valor do patrimonio oral como alicerce fundamental da nosa identidade colectiva, pero tamén sobre a necesidade de reinterpretalo desde unha perspectiva contemporánea”. “Con esta nova cita de 'A Cultura é un dereito', apostamos por crear espazos que fomenten o diálogo entre a memoria e as canles máis novas para mantela viva”.
A asistencia aos relatorios, mesas redondas e visitas guiadas que completan o programa —ao Arquivo Sonoro de Galicia, do Consello da Cultura Galega, e ao Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade, do Museo do Pobo Galego— é de balde, previa inscrición,
Commentaires