top of page

O BNG de Ordes quere baixar o tipo impositivo de IBI en 2023



O portavoz do BNG de Ordes, Pablo Vidal, manifestou no Pleno ordinario deste mes de novembro que “a decisión do PP de non modificar o tipo impositivo do IBI para o presente ano 2022, supuxo unha suba dos recibos da contribución da veciñanza debido ao incremento da base liquidable”, algo que “acontecerá novamente no ano 2023, se o goberno municipal decide non actuar ao respecto”.


Desde o Bloque solicitaron ao PP levar a cabo “a tramitación dunha modificación da ordenanza fiscal, para rebaixar o tipo impositivo do IBI de cara ao ano 2023, de xeito que cando menos, se compense a suba das bases liquidables, evitando deste xeito novas subas nos recibos da contribución da veciñanza”.


O BNG denunciou o “mal funcionamento” do sistema de recollida de pluviais, resultado das obras efectuadas na rúa Casabella.Segundo o voceiro da fronte nacionalista, Pablo Vidal, “a notable separación das bocas de recollida con respecto ao bordo da beirarrúa, permite que a auga siga correndo rúa abaixo, na vez de ser recollida cara as canalizacións de pluviais”.


Para Vidal, “non é de recibo que logo de investir fondos da veciñanza en efectuar obras, o resultado das mesmas sexa a aparición deste tipo de problemas, derivado dunha mala xestión do goberno municipal do PP”.


Os nacionalistas instaron ao alcalde a “actuar para corrixir a situación e garantir o bo funcionamento do sistema de recollida de pluviais na zona”.


O PP defendeu unha moción para a non revisión do delito de sedición, que recibiu o voto en contra do BNG ao considerar que “non é de recibo que o PP pretenda utilizar o concello de Ordes para facer oposición ao goberno do estado, e deixe de lado as preocupacións da veciñanza sobre as que temos competencia e podemos actuar”.


Para o portavoz do BNG, Pablo Vidal, “seguramente a xente estea mais preocupada da escasa vida que amosan as rúas do noso concello, de que a xente moza teña que mudarse pola falta de oportunidades laborais, nun concello co 40% das vivendas baleiras e cun polígono industrial onde unha parte importante das parcelas está a monte”.


“Mentres o PP está preocupado polo delito de sedición, a veciñanza segue agardando por un P.X.O.M. que manteñen gardado nun caixón, que os servizos públicos de saneamento e abastecemento cheguen ás súas vivendas en moitas parroquias, que non se cubran as baixas do persoal no centro de saúde ou que siga esmorecendo a feira de Ordes, a feira da Adina e a praza de abastos”, expuxo Vidal.

Comments


bottom of page