Máis dun milleiro de persoas participaron na segunda edición da Festa do Rural de Frades, celebrada do 15 ao 17 de setembro na praza de Ponte Carreira. O evento foi organizado polo Concello de Frades en colaboración coa asociación de veciños Rexente, a asociación da terceira idade de Frades, a Xunta de Galicia e a Deputación da Coruña.
O mal tempo condicionou o desenvolvemento desta edición, minorando de forma significativa o número de asistentes ás xornadas de sábado e domingo. Porén, aproveitando os claros entre trebóns e as carpas instaladas, todas as actividades e actuacións previstas puideron levarse a cabo.
A II Festa do Rural de Frades arrincou o programa “Interritmos. Sons do rural: xunco, vimbio e palla”, unhas xornadas promovidas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Local no marco do Plan de Desenvolvemento Rural 2014-2020. A veciñanza desfrutou das actuacións musicais dos gañadores do Festival Interritmos 2023 (Leni Pérez e Roberto Comesaña, xunto ao grupo As Lembranzas) e das explicacións dos artesáns cesteiros Álvaro M. Leiro e Rosa Olveira. A xornada rematou cunha concorrida degustación de produtos locais: tortilla, lacón, polo, xamón...
O sábado abriron as súas portas o mercado de artesanía e a exposición etnográfica do Museo de Frades, onde se puideron contemplar fotografías do centro de cultura tradicional e a rapazada puido xogar cos recortables de “Os Galaicos”, obras do ilustrador Paco Boluda para coñecer polo miúdo o mundo castrexo. Pola súa banda, no mercado de artesanía tomaron parte unha vintena de cestos, coiro, madeira, xoiería, maquetas... con algunha demostración en directo e degustación de produtos e xogos de muxido da man da Casa Grande de Xanceda. A choiva fixo acto de presenta durante a actuación infantil de Pakolas, co seu espectáculo “Rockeando con Ramona pequena” e na verbena co Dúo Arcángel.
Na xornada do domingo, a carpa quedou pequena para acoller o xantar popular da II Festa Rural do Concello de Frades a base de empanada, xamón, callos, xarrete con verduras, larpeira e xeado. Tamén foi moi concorrida a exposición de motos antigas. Pola tarde, nova edición do Festival Folclórico cos grupos Sarillo (Aiazo), Medorra con Troula (Galegos) e “Os Viqueiras de Villaverde”, ademais de verbena cos grupos “Maghúa” e “Tiruleque”.
Comentarios