O Concello de Mesía convida a toda a veciñanza a colaborar na elaboración dun Plan Municipal de Emerxencia e Xestión do Risco de Seca. O plan comprenderá aquelas accións que serán desenvoltas en caso de situacións de escaseza de auga. O Concello considera que a participación de todas as partes implicadas "é importante para determinar as mellores solucións para cada escenario".
A participación xa pode realizarse de xeito telemático a través da web ata o domingo 13 de xuño.
A seca é un fenómeno global que se produce cando a dispoñibilidade da auga é menor do habitual. O obxecto deste plan municipal é servir coma ferramenta que complemente a planificación estatal e autonómica a escala municipal. Deste modo, dende unha perspectiva de xestión preventiva mellorarase o sistema de abastecemento, determinarase a vulnerabilidade deste e minimizaranse os efectos negativos que poidan producir os escenarios de seca nun contexto de cambio climático.
O plan de seca servirá tamén para abordar aqueles aspectos da xestión ordinaria que servirán para anticipar as posibles continxencias con un traballo de prevención e adaptación en períodos de normalidade climática.
O Concello está a organizar obradoiros participativos para este plan. Tamén Frades prepara unha iniciativa semellante.
Comments