top of page

Luis Rey promete "o mellor equipo" para revalidar a alcaldía de Oroso



Máis de 400 veciños e veciñas de Oroso arrouparon na noite do sábado no pavillón Juanito Amigo de Sigüeiro ao actual rexedor local, Luis Rey Villaverde, no acto da súa presentación como candidato a revalidar a Alcaldía o vindeiro 28 de maio.


Luis Rey, que concorrerá ás eleccións co lema “O mellor porvir” sendo cabeza de lista por primeira vez tras 12 anos como concelleiro e 642 días na Alcaldía, avanzou que nos vindeiros tres meses conformará “o mellor equipo” para sacar adiante “un proxecto de futuro claro, a través dun programa moi ambicioso, pero factible” baseado no "contacto permanente coa veciñanza".


“Temos claro o que necesita este concello porque temos un diálogo permanente con todas as asociacións e colectivos, porque estamos a pé de rúa cos veciños desde o primeiro día”, asegurou, antes de pórse como obxectivos nun novo mandato a ampliación do solo industrial, a mellora dos servizos no rural, a humanización do centro de Sigüeiro, a construción do Centro Deportivo Multiusos e dun novo consistorio e unha aposta decicida polo turismo.



O candidato socialista tamén puxo en valor o traballo realizado ao longo deste mandato, con máis de tres millóns de euros investidos no rural, coa inauguración do auditorio e dunha sala de estudo intelixente, cunha rebaixa fiscal de cerca de 400.000 euros nos últimos orzamentos e co comezo das obras do carril bici, entre outras moitas actuacións. “No último ano, o gasto medio por habitante foi de 1.010 euros, superior á media dos concellos do resto do Estado e de Galicia”, salientou.


Apoido do líder do PSdG

O encargado de pechar o acto foi o secretario xeral do PSdeG-PSOE, Valentín González Formoso, quen reivindicou as principais medidas sociais de carácter social adoptadas polo Goberno central, como a revalorización das pensións ou o incremento do salario mínimo. No ámbito local, lembrou a contribución do PSOE á transformación de Oroso nas últimas décadas e solicitou o apoio para Luis Rey en maio “por todo o que leva feito e por ser capaz de ler o que a xente quere e as súas necesidades e por chamar ás portas que faga falta para buscarlle solucións”.


Con anterioridade, xa intervira o secretario dos socialistas na provincia da Coruña, Bernardo Fernández, que comezou afirmando que “Oroso nunca defrauda e sempre é un éxito de convocatoria e organización”, antes de lembrar que “o PSOE foi clave no desenvolvemento deste concello e a día de hoxe non hai moitos concellos na provincia que teñan as infraestruturas que ten Oroso nin o tecido asociativo”. Por estas razóns, pediulle aos asistentes “un esforzo” para seguir convencendo á cidadanía de que “a única opción para que Oroso siga a progresar é a que representa Luis Rey Villaverde”.


“Oroso, en boas mans”

Con anterioridade, xa participara o ex alcalde de Oroso durante 22 anos e actual senador Manuel Mirás, quen se amosou “orgulloso” do traballo que está a realizar o equipo de Luis Rey no concello: “Cando decidín dar o paso de deixar a Alcaldía sabía que o Concello de Oroso quedaba en boas mans, porque a verdade é que se algo se nota que cambiou aquí foi para mellor”. Mirás augurou que a partir do 28 de maio Oroso o apoio da veciñanza permitirá que Oroso siga a ter con Luis Rey “un goberno que mira pola xente, o goberno das persoas, un goberno con porvir”.


“Traballamos moi xuntos desde que eras concelleiro e sei que che preocupan as persoas e iso é o que máis admiro de ti, porque as obras fainas todo o mundo, fanas as empresas se ti pos os cartos, pero estar ao pé do canón para mirar polas persoas fano moi poucos alcaldes e ti eres un deles”, asegurou o senador.



Comments


bottom of page