O Concello de Ordes anunciou a licitación das obras da praza do Centro Sociocomunitario Isabel Zendal. O orzamento total para a urbanización e humanización da área ascende a 117.000 euros. A nova infraestrutura honrará aos nenos e nenas integrantes da expedición Balmis.
A información sobre a licitación das obras da praza do Centro Sociocomunitario Isabel Zendal xa está á disposición das persoas e empresas interesadas na mesma páxina web do Concello de Ordes. Concretamente pódese acceder a ela a través do perfil do contratante. O presuposto base da dita licitación ascende a 117.000,62 euros (base impoñible 96.694,73 €), e conta con unha financiación do Plan Hurbe da Xunta de Galicia de 67.750 euros (57,90%).
O proxecto céntrase na urbanización e humanización da contorna desta edificación situada no Campo da Feira, e máis concretamente a carón da entrada ao paseo fluvial Ramiro Recouso. Unha das principais premisas deste proxecto é, precisamente, a integración con este contorno natural para o uso da veciñanza.
As obras consistirán na contención de terras cara á beirarrúa e na explanación da área. Procederase coa apertura de foxos, e posterior recheo, para a cimentación dos muretes das bancadas e xardineiras. Tamén se construirán soleiras de formigón armado para as bancadas que conformarán a bancada que contará cunha pavimentación de formigón impreso. Unha vez executada esta parte procederase co axardinamento da zona superior, das escavas e da zona exterior cara ao río Mercurín. Plantaranse arbustos e árbores para evitar o impacto visual do muro de peche da parcela lindeira e do equipo de climatización do edificio. O sistema de rego será automático mediante aspersores emerxentes programables. A zona estará iluminada mediante un báculo e farois de baixo consumo.
Seguindo un criterio de seguridade e utilidade colocaranse morróns extraíbles para poder evitar ou permitir o tránsito rodado. Tamén se instalarán mastros para bandeiras na fachada do propio inmoble.
Honra aos nenos e nenas ‘Balmis’
O Concello de Ordes pretende con esta nova infraestrutura pública honrar aos nenos e nenas que foron os protagonistas da expedición Balmis para dotar de vacinas aos habitantes do novo mundo. Sen dúbida o maior acto filantrópico de carácter sanitario levado a cabo dende 1803 a 1806. E que mellor lugar que a carón do centro sociocomunitario que leva o nome da filla predilecta do municipio, Isabel Zendal, figura imprescindible nesta xesta que supuxo evitar a morte a milleiros e milleiros de persoas.
Así, tras a canalización previa de baixa tensión para alumeado, instalaranse proxectores incrustados no pavimento cos nomes do nenos e nenas gravados no vidro da pantalla. Estes son: Francisco Antonio, Benito; Andrés Naya, Santiago Vicente Ferrer, Antonio Veredia, Cándido e Xerónimo María, Xacinto, Xosé Manuel María, Domingo Naya, Clemente, Juan Antonio, Francisco Florencio, Pascual Aniceto, Tomás Metitón, Manuel María, Xurxo Nicolás das Dores; Xosé e Vicente María Sale e Bellido.
Comments