top of page

Inaugurada a planta de gasificación de fariñas cárnicas de Gesuga en Cerceda



O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado polo director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, e polo delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, asistiu hoxe á inauguración da planta de gasificación de fariñas cárnicas da Gestora de subprodutos de Galicia (Gesuga), na localidade de Cerceda.

Neste acto, o conselleiro puxo en valor a importancia da colaboración público-privada en beneficio dos sectores agrogandeiros, unha cooperación que -salientou- está “ao servizo das explotacións galegas”. Ademais, José González destacou o apoio da Xunta a esta empresa dende o inicio da súa actividade no ano 2005, así como seu o crecemento “exponencial”. Algo que -dixo- lle permitiu ampliar horizontes e converterse en referente dentro da súa actividade de xestión integral dos subprodutos cárnicos non destinados ao consumo humano nin animal.


O conselleiro comezou a súa intervención aludindo ao acordo de colaboración entre Gesuga e a Xunta, asinado no ano de apertura da empresa, e en particular ao obxectivo “claro” do acordo, que é o de impulsar a actividade realizada nas súas instalacións e medrar para dar o mellor servizo posible ao sector. Ademais, sinalou González, Medio Rural colaborou con esta industria achegando un investimento do 30% para a mellora da súa eficiencia enerxética. Algo que, segundo trasladou o conselleiro, “permitirá facer un aproveitamento integral e efectivo, xerando un beneficio non só para esta planta, senón para o medio ambiente en xeral”.


Neste contexto, o conselleiro indicou que o Goberno galego está totalmente aliñado con prácticas que permitan avanzar no desenvolvemento sustentable, coa finalidade de seguir medrando do xeito máis respectuoso posible coa contorna. Un exemplo diso, reafirmou González, é a pretensión da Xunta de dar forma ao primeiro Centro para o impulso da economía circular de Galicia, un eido no que se pon de manifesto, como en Gesuga, a importancia de pechar ciclos.


O conselleiro concluíu a súa intervención facendo referencia ao seu compromiso de seguir apoiando o labor de Gesuga e doutras empresas que realicen labores de transformación esenciais no territorio galego. Isto, co obxectivo de continuar sobre á base do xa logrado e así manter e reforzar o bo funcionamento deste sector.

Comments


bottom of page