Os innovadores programas sociais do Concello de Frades foron os protagonistas dunha xornada organizada pola Deputación da Coruña na que políticos e responsables técnicos dos distintos municipios compartiron experiencias de boas prácticas no ámbito social. Unha xornada na que participaron como poñentes o concelleiro de Sanidade de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, quen expuxo o novidoso programa de eliminación de barreiras arquitectónicas e adquisición de axudas técnicas; e a técnico de Servizos Sociais de Cerceda, María Viqueira, quen falou do banco de axudas técnicas vencelladas ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF).
Así, Manuel Ferreiro agradeceu a colaboración dos servizos técnicos da Deputación, así como “a valoración do traballo que se está a facer no noso concello”. Neste sentido, detallou a posta en marcha do programa de axudas técnicas e eliminación de barreiras arquitectónicas, dirixidas a persoas en situación de dependencia e/ou discapacidade, que o Concello de Frades puxo en marcha o pasado ano 2021.
“O obxectivo destas axudas era mellorar o benestar físico, persoal e social destas persoas para que acaden unha maior autonomía persoal, toda vez que coa pandemia sanitaria moitas persoas que se achegaban ao fogar de persoas maiores e dependentes para prestarlles apoios, coidados e compañía, tiveron que deixar de facelo para evitar contaxios”, explicou Ferreiro Marzoa. Unha liña de subvencións ás que o Concello de Frades destinou 40.000 euros, procedentes do POS+Adicional promovido pola Deputación da Coruña.
Continuidade das axudas
As axudas oscilaban entre os 1.200 e os 4.000 euros e contemplaban dúas liñas de gasto. A primeira era para axudas técnicas e produtos de apoio para a mobilidade (grúas, andadores, cadeiras de rodas...), para hixiene persoal (barras de suxeición, ducha para a cama…), para o descanso (camas articuladas, incorporador, varandas para a cama…) e para a comunicación (audífonos, avisadores sonoros, visuais ou táctiles, intercomunicadores…). A segunda estaba dirixida á eliminación de barreiras arquitectónicas e adaptación funcional do fogar, sobre todo no cuarto de baño (cambio de bañeira a ducha, asentos abatibles, adecuación dos sanitarios, chan antiescorregadizo…), adaptación de pavimentos, adecuación das portas para permitir o paso de cadeiras, instalación de barras, pasamáns, ramplas…
Neste sentido, o concelleiro de Sanidade apuntou que “a pesar da ampliación do servizo de axuda no fogar, o aumento do número de horas que estas persoas pasan soas fai que sexan máis conscientes da necesidade de adaptar os seus fogares ás súas necesidade. Para facilitarlles o seu día a día, decidimos convocar estas axudas para que poidan mellorar a súa autonomía persoal e a accesibilidade dos seus domicilios”.
Por iso, o Concello de Frades optou por ampliar estes servizos neste ano, coa posta en marcha dun servizo gratuíto de préstamos de axudas técnicas para a mobilidade (dirixido a persoas cunha discapacidade ou dependencia recoñecida e uns ingresos inferiores ao 150% do IPREM) ou o servizo de bono-taxi, que permite o traslado gratuíto de veciños e veciñas do municipio maiores de 65 anos ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% para poder acudir a citas médicas programadas en centros sanitarios do Sergas dentro da provincia da Coruña.
“Dous servizos que se unen a outros xa existentes como o servizo de axuda no fogar, o de teleasistencia, podoloxía, fisioterapia ou perruquería a domicilio, que xa levan anos en marcha e cunha resposta moi positiva por parte da veciñanza”, concluíu o concelleiro de Sanidade de Frades.
コメント