"Todo un éxito". Así avalían dende o Concello de Frades a segunda edición do Mercado de Artesanía de Frades. Nesta ocasión foron unha ducia os postos de artesáns locais e da comarca que ofreceron os máis singulares agasallos e adornos para o Nadal. Con esta actividade arrinca en Frades o programa de Nadal 2021.
Simultaneamente transcorreu o tradicional mercadillo da Ponte Carreira. Isto garantiu unha mañá con moita asistencia de veciñas e veciños de Frades e da contorna. Á tarde, Garabato Xogos congregou a numerosas familias cunha oferta de obradoiro de adornos de Nadal e xogos populares.
O Mercado de Artesanía pechou co sorteo dunha cesta de produtos ecolóxicos entre as persoas que compraran no evento. O alcalde de Frades, Roberto Rey, amosou a súa satisfacción e agradeceu “a toda a xente que se animou a comprar algo no mercado e visitar a nosa hostalería e comercio local, así como a todas as persoas que doaron e mercaron libros e xoguetes no posto solidario da ANPA do CPI de Ponte Carreira para axudar aos habitantes da Palma afectados polo volcán Cumbre Vieja”.
Programa de Nadal
Logo do Mercado prosegue a programación local de Nadal. Ata o 17 de decembro está aberto o prazo de inscrición nos Campamentos Municipais de Nadal, dirixidos a nenos e nenas entre os 3 e 12 anos. Terá lugar no pavillón municipal de Ponte Carreira, en horario de 9:30h a 13:30h, durante 12 días (22, 23, 24, 27, 28, 29, 30 e 31 de decembro e 3, 4, 5 e 7 de xaneiro). O prezo será de 20 euros para persoas empadroadas, 15 euros no caso dun segundo irmán ou irmá e un desconto do 50% no caso das familias numerosas. As persoas non empadroadas aboarán 30 euros.
O vindeiro luns 20 de decembro, os nenos e nenas de Preescolar na Casa e das casas niño “Xoaniña” e “Axóuxere” recibirán a visita de Papá Noel, quen lles recollerá as súas cartas e escoitará as súas peticións de agasallos para os próximos días. Unhas misivas que intercambiará por lambonadas. Paralelamente, o Carteiro Real visitará o CPI de Ponte Carreira para repartir lambetadas e recoller as cartas para os Reis Magos.
O 28 de decembro terá lugar a xa tradicional excursión a Xuvenlugo, con saída ás 15h dende o Concello. O prezo será de 5 euros para persoas empadroadas (8 para non empadroadas) e é preciso anotarse antes do 23 de decembro. A excursión inclúe unha visita ao parque de ocio infantil e xuvenil lucense con ludotecas, inchables, obradoiros, videoxogos, minigolf, pistas de slot, escape rooms, atracción ou rocódromo.
Comments