top of page

Formoso destaca que o emprendemento feminino é “clave para dinamizar o rural”


O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou o 27 de marzo xunto ao alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, na clausura da xornada “Como planificar hoxe o relevo de mañá” organizada pola Asociación de Empresarias Rurais (ASER) no viveiro de empresas da localidade.

Durante a súa intervención, o presidente da Deputación destacou “o papel fundamental das mulleres emprendedoras no desenvolvemento do rural galego” e reafirmou o compromiso da Deputación co fomento do emprego, a igualdade de oportunidades e a mellora das infraestruturas e servizos públicos.

Segundo explicou Formoso, a Deputación da Coruña leva anos impulsando políticas activas de emprego a través do Plan de Emprego Local (PEL), que en nove anos permitiu crear 7.700 empregos e apoiar a 2.700 empresas, a maioría delas nos concellos de menos de 20.000 habitantes.

A metade destas axudas benefician a mulleres, porque sabemos que o empredemento e o talento feminino é clave para dinamizar o noso rural”, destacou Formoso.

O presidente tamén puxo en valor os programas específicos da Deputación para a revitalización do rural, como os incentivos ao emprendemento, a aposta pola innovación no sector primario e a descentralización de servizos a través das oficinas Acelera Pyme en Ponteceso e Next de Fondos de Recuperación en A Capela, “que amosan con feitos a nosa aposta polo rural, xa que estas oficinas poderían estar na Coruña ou en Santiago, pero cremos que poden ofrecer o mesmo servizo desde pequenos concellos rurais”

“Para reverter a perda de poboación no rural é necesario mellorar infraestruturas e servizos e crear emprego e e oportunidades reais para as novas xeracións”, subliñou Formoso, que destacou tamén o papel do Plan Único (POS+) como motor de desenvolvemento do rural, permitindo desde 2017 financiar máis de 4.300 obras e mellorar infraestruturas e servizos públicos nos 93 concellos da provincia. “Cada millón de euros que investimos no Plan Único xera 17 empregos e contribúe a fixar poboación no rural porque permite contratar a empresas locais para mellorar rúas e estradas, instalacións culturais e deportivas e financiar servizos básicos que son esenciais para garantir a calidade de vida”, explicou Formoso.


Benestar social no rural

Dentro da aposta polo rural da Deputación, Formoso destacou tamén o novo modelo de residencias públicas de maiores que a Deputación pretende comezar a implantar neste mandato con centros piloto nos municipios de As Pontes, Ordes e Rianxo.

Trátase tase dun modelo innovador que aposta por centros de menor capacidade, cunha atención máis personalizada, o uso de novas tecnoloxías e a convivencia interxeneracional. “Con estas residencias buscamos evitar o desarraigo e a soidade das persoas maiores, ofrecéndolles un entorno máis amable e acolledor, semellante ao fogar”, explicou o presidente. Ademais, subliñou que este modelo aposta por unha atención centrada na persoa, incorporando tecnoloxías como a domótica, a telemedicina e sistemas de rehabilitación cognitiva e física e incidiu tamén na “dimensión económica” do proxecto, tanto para a nivel de creación de emprego nos centros residenciais, como nos suministros que estes necesitarán para o seu funcionamento.

O presidente destacou tamén que a Deputación da Coruña reforzará a súa colaboración con FADEMUR Galicia para a creación dunha rede de casas de acollida para mulleres vítimas de violencia de xénero no rural, similar ás que xa cofinancia a Deputación na cidades. No ámbito rural é onde se producen o maior número de casos de violencia machista.

Comments


bottom of page