Seis alumnos e catro alumnas acompañadas por dúas mestras do CEIP Plurilingüe do Camiño Inglés, de Sigüeiro (Oroso) visitaron Finlandia durante a terceira semana de novembro. Tras coñecer a cidade de Helnsinki o grupo desprazouse a Nivala a integrarse en dous dos seus centros, Aittolan e Karvoskylän. Na primeira toma de contacto o alumnado, ademais de presentarse, compartiu información sobre os seus lugares de residencia e sobre as festas que se celebran en relación ao proxecto anual do Camiño Inglés, o proxecto festa. Durante a estadía tamén se realizaron entrevistas, obradoiros de comida tradicional finesa e por suposto, houbo tempo para xogar coa neve e comer salchichas e nubes a pé dunha fogueira.
Á volta o alumnado compartiu a experiencia co resto da comunidade educativa co obxectivo de propiciar procesos de innovación e mellora na escola. As docentes Inés e Fátima tamém compartirán a súa experiencia co profesorado.
Entre os obxectivos do proxecto atópanse o establecemento de contactos con outros centros europeos, a mellora das competencias dixitais e lingüísticas de profesorado e alumnado, a mellora e innovación metodolóxica no centro e a posta en valor do patrimonio natural e cultural común.
As mestras Inés e Fátima destacan que foi unha experiencia erniquecedora tanto para o alumnado como para elas, ademais dunha oportunidade para sumerxirse nunha cultura diferente e poñer en práctica as súas costumes. Como mestras, gustaríalles poder implementar aspectos como un maior número de descansos para o alumnado e unha maior autonomía que lles permita saír sós da escola, como no modelo finés.
Dentro do programa Erasmus+ para este curso, aínda quedaría por levar a cabo unha mobilidade con alumnado a outro centro educativo europeo e unha mobilidade de profesorado. O proxecto para este curso conta cun apoio económico da Unión Europea de 20.217 € para o seu desenvolvemento.
Comments