Un rapaz foi detido onte en Sigüeiro por tráfico de drogas. Sobre as 19h a Garda Civil de Ordes foi avisada pola súa Central Operativa para trasladarse ao miradoiro do Tambre, próximo á Praza do Chinto de Sigüeiro, pola presenza dun grupo de mozos que desde hai varios meses viña alterando a convivencia cidadá na zona. Estes, ademais de incumprir de forma reiterada as medidas anti COVID-19, dedicaríanse ao consumo e trapicheo de drogas ademais de causar danos no mobiliario urbano.
Por estes feitos e desprazados ao lugar procederon á identificación de 6 mozos (un deles menor de idade) e veciños do municipio, incumprindo todos eles medidas de seguridade impostas como o uso de máscaras e distanciamento social. Ao ver aparecer os axentes, un deles tentou escapar do lugar pero foi interceptado. Resultou ser un veciño da localidade de 21 anos. No rexistro das súas pertenzas atopáronse 55 gr de haxixe e 14 grs de marihuana preparados para a súa venda polo miúdo, así como 1490 euros en billetes de diversos valor obtidos supostamente da venda das substancias. Foi detido por esta razón como suposto autor dun Delito contra a Saúde Pública (Tráfico de Drogas), ao ser considerado polos axentes como a persoa encargada da subministración desta entre a mocidade de Sigüeiro.
A intervención policial saldouse ademais, coa intervención de pequenas cantidades de haxix, pola que se formularon outras dúas denuncias administrativas por tenencia e consumo de drogas na vía pública, así como 6 denuncias administrativas por incumprimento das medidas anti COVID.
Commenti