O Equipo @ (especialista en delitos informáticos) da Garda Civil do posto do Milladoiro (Ames) informou hoxe da detención, por parte dos seus compañeiros de Badaxoz, dunha veciña da localidade de Don Benito como presunta autora de 16 delitos de estafa na categoría de ciberdelincuencia. A detención produciuse dentro do marco da operación Mobacor, iniciada logo de denuncias interpostas en varios concellos da provincia da Coruña, como é o caso de Ordes. Outras localidades afectadas foron Arteixo, Betanzos, Bergondo, Boiro, Cambre, Culleredo, Oleiros, Oza-Cesuras e Pobra do Caramiñal.
A estafa consistía en todos os casos na venda dun teléfono móbil a través dunha mesma páxina de internet, que non se chegaba a recibir despois do pagamento. Cando se solicitaban explicacións á vendedora, os denunciados recibían escusas pola demora. A estafa xuntou en total 8.800 euros.
A páxina web, segundo constataron os axentes da Garda Civil, fora creada especificamente para a comisión destes delitos. Nela anunciábase a venda de terminais telefónicos de gama media lixeiramente por debaixo do prezo de mercado. A páxina fora dada de baixa para dificultar a investigación.
A autora das estafas, identificada no transcurso da investigación, xa era coñecida polas forzas de seguridade por feitos semellantes anteriores.
Comments