A Garda Civil informou hoxe da detención dun veciño da Coruña como presunto autor dunha vaga de roubos nas comarcas de Ordes, a Coruña, Arzúa e Betanzos. A operación comezou tras numerosos roubos en interiores de vehículos nestas zonas, case sempre turismos estacionados en lugares con pouco tránsito e parkings exteriores. Entre os obxectos substraídos atopábanse gafas de sol, carteiras, bolsos, teléfonos mòbiles ou roupa. No caso de que o coche estivese pechado, rompía un vidro. En total, e sen contar os danos a vehículos, os roubos superan os 3.000 euros.
A investigación, que arrincou no mes de agosto, permitiu descubrir a implicación dun vehículo gris que fora roubado en Bergondo e recuperado en Ordes en setembro. O detido teríase feito con outro coche en Sada para retomar en decembro os roubos.
O detido é un varón de 69 anos, veciño da Coruña e con antecedentes por delitos contra o patrimonio. Despois de ser localizado en Ordes, emprendeu a fuga e foi detido en Mesía. Impútanlle dous delitos de roubo ou furto de vehículos a motor, sete de roubo ou furto con forza en interior de vehículo, catro estadas por uso fraudulento de tarxetas de crédito, un delito de condución temeraria e outro de resistencia e desobediencia.
Dado que o rexistro do domicilio do detido revelou a presenza de varios obxectos que puideron ser roubados, a Garda Civil insta aos propietarios a contactar co posto de Ordes se recoñecen algún dos bens.
Comments