A Audiencia Provincial desestimou o recurso interposto polo BBVA contra a sentenza do Xulgado de Primeira Instancia Nº 3 con fecha de 29 de Abril de 2022 que obrigaba á entidade bancaria a reintegrar ao Concello de Tordoia 76.686,97 euros polo cobro indebido de derivados financeiros. Tamén deberá correr cos gastos do recurso. Nunha breve comunicación en redes sociais, dende o Concello celebraron a decisión como unha "boa noticia".
Nos préstamos, asinados en 2007, o Banco non informou axeitadamente ao Concello. A sentenza do ano pasado consideraba que a información foi defectuosa no tocante aos derivados financeiros implícitos, xa que nin se explicou o seu funcionamento nin os riscos asociados, como tampouco as repercusións dunha cancelación anticipada. Esta omisión de información supuxo un vicio de consentimento para o Concello. A efectos prácticos, a cancelación supuxo un xuro do 18% para o Concello despois de liquidada a débeda bancaria.
Comments