top of page

Coa térmica ao borde do desmantelamento, o alcalde de Cerceda esixe á Xunta unha "transición xusta"

Actualizado: 5 mar 2021



O alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, mantivo hoxe unha xuntanza co conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, para procurar unha alternativa industrial para a central de Meirama que manteña a actividade económica e o emprego.


Nesta reunión, Rodríguez trasladou ao conselleiro que para o Goberno local "é importante fomentar a interlocución cos distintintos actores". O obxectivo do rexedor é buscar "un futuro de progreso económico e futuro para a zona". Para iso, sinalou, "todo o mundo ten que ser consciente de que, coa central térmica ao borde do desmantelamento, é fundamental pasar das palabras á acción, pechando compromisos e ofrecendo solucións".


O alcalde sinalou en declaracións á prensa que transmitiron á Xunta "que hai tres partes que deben ter un vínculo moi forte: transición xusta, Cerceda e posta en marcha de proxectos dos fondos europeos de reconstrución". "Son tres patas dunha mesma cadeira", sintetizou o rexedor.


Pola súa banda, o conselleiro Francisco Conde asegurou que a Xunta "vai seguir insistindo na defensa dos postos de traballo e a actividade industrial nesta comarca".


A Xunta está á espera da convocatoria do Goberno central para formar parte do Acordo de Transición Xusta que xa ten asinado tanto coas empresas –Naturgy, no caso de Meirama; e Endesa, nas Pontes– como cos sindicatos.

Comments


bottom of page