O alcalde de Oroso, Luis Rey Villaverde, publicou onte un bando onde se explicitan as normas que rexerán a celebración do San Xoán este ano, nun contexto aínda marcado pola COVID-19, e onde o aspecto máis salientable é que non estarán permitidas as cacharelas ou sardiñadas en terreos públicos, a fin de evitar aglomeracións. Soamente será posible realizar cacharelas en terreos privados.
Para realizar unha cacharela ou sardiñada débese solicitar antes das 14h do 22 de xuño enviando un correo electrónico co modelo de solicitude ao enderezo info@oroso.gal, ou a través de rexistro telemático ou o rexistro xeral do Concello.
O número máximo de persoas que se poidan reunir en grupo para a celebración desta festividade (en exterior e interior) axustarase ao disposto na normativa vixente o propio 23 de xuño de 2021. Os organizadores deben coñecer os números de contacto da Policía Local (981691680), Protección Civil (698169443) ou Emerxencias (112).
Medidas de seguridade
Na zona urbana, o volume de combustible da cacharela non poderá os 2 metros de diámetro, e 6 metros de perímetro, nin os 3 de altura. Na zona rural, ovolume do combustible da cacharela non excederá os 3 metros de diámetro, ou 9 metros de perímetro, nin os 3 metros de altura. Prohíbese a queima de pneumáticos, plásticos, espumas de poliuretano, aceites, e en xeral calquera substancia que ao arder desprenda fume tóxico. Tampouco poden botarse ao lume recipientes que conteñan líquidos inflamables ou gases a presión (sprais), aínda que estean baleiros.
A separación entre as cacharelas e os edificios e árbores será como mínimo de 20 metros. Non se poden situar debaixo de tendidos eléctricos ou telefónicos, ou preto de locais no que se almacenen produtos inflamables nin vehículos.
A fogueira debe estar en todo momento vixiada polas persoas responsables ata que se extinga por completo. Nese momento deben empaparse os restos con auga, e asegurarse de que as cinzas queden totalmente apagadas. No caso de que se levante o vento, e poida dificultarse a vixiancia e extinción da fogueira, esta deberá suspenderse.
Unha vez as persoas interesadas presenten a solicitude, o Concello de Oroso enviará unha mensaxe confirmando a recepción da mesma, que será suficiente para levar a cabo o evento. A Policía Local vixiará o cumprimento destas obrigas..
O Concello agradece a colaboración da veciñanza para o bo desenvolvemento da festa da noite de San Xoan.
Comments