top of page

Arrincan as obras da senda peonil entre Cerceda e Tordoia



O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, acompañado polos alcaldes de Tordoia, Eduardo Antonio Pereiro, e de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez, supervisou o inicio das obras da senda peonil na estrada autonómica AC-413, na entrada ao núcleo da Tablilla desde Ordes, no concello de Cerceda.



Esta actuación, que tamén beneficia ao municipio de Tordoia, suporá un investimento autonómico que supera os 120.000 euros. Os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.


A intervención

O proxecto recolle a construción dunha senda na marxe esquerda da estrada de titularidade da Xunta, no treito comprendido entre os puntos quilométricos 11+960 e 12+385. Trátase de seguir mellorando a seguridade viaria na contorna e dotar un itinerario peonil continuo ao longo da vía que facilite os desprazamentos a pé dos veciños.


O novo itinerario de algo máis de 0,4 quilómetros proxéctase en formigón cor terriza natural e estará limitado da calzada por un bordo que o diferencie do resto da plataforma. O ancho do itinerario será constante, acadando os 2 metros.



Nesta actuación inclúese a execución da rede de pluviais, rede de alumeado público, reposición de sinais e marcas viarias de bordo da calzada. A intervención contará con financiamento dos fondos React UE da Unión Europea.


Trenor explicou que con este tipo de actuacións “se segue dando cumprimento ao seu compromiso de habilitar nas estradas da súa titularidade itinerarios peonís seguros, sostibles e integrados na paisaxe”.


Cómpre lembrar que a Xunta ten solicitado á Dirección Xeral de Tráfico a instalación de medidas para o control de velocidade na recta da Tablilla, de cara ao calmado de tráfico e ao reforzo da seguridade viaria nesa zona.


Nas imaxes amósanse a imaxe aérea do ámbito da actuación.

Comments


bottom of page