O Concello de Frades organiza unha andaina solidaria en favor de “A ilusión de Sergio”, a iniciativa de recadación de fondos para este rapaz de Mesía que padece paraparesia espástica tipo 50, unha doenza que causa déficit cognitivo, dificultades motoras e de fala e mesmo ataques epilépticos. O obxectivo da campaña é que Sergio poida acceder a unha terapia xénica que lle permitiría mellorar a súa situación.
A andaina solidaria terá lugar na xornada festiva do mércores 1 de novembro, a partir das 10 da mañá. O percorrido, de seis quilómetros e medio, será de dificultade media-baixa. Prolongarase entre a praza pública de Ponte Carreira e Augasantas, con percorrido de ida e volta. O prezo de inscrición é de 10 euros, sendo gratuíta para menores de 10 anos. Poderán levarse a cabo nas oficinas do Concello (981 695 567) antes do luns 30 de outubro. A actividade é apta para todas as idades.
O 100% da recadación destínase á Fundación Columbus para colaborar no caso de Sergio. Tamén haberá un peto solidario para donativos na propia Praza de Ponte Carreira, onde ao rematar a andaina haberá bebida e froita para todas as persoas participantes. Colaboran os supermercados Claudio e Tandy, de Ponte Carreira.
Comments