
O Concello de Frades convoca a décima edición da súa Carreira Pedestre Popular, que terá lugar na mañá do mércores 1 de maio. A proba, organizada polo Concello de Frades e a Federación Galega de Atletismo, terá saída e chegada na praza pública de Ponte Carreira e unha lonxitude de 8,6 quilómetros na súa categoría absoluta. Unha proba incluída no XI Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña.
As inscricións deberán realizarse a través da páxina web www.emesports.es antes das 23:59 horas do luns 28 de abril. As anotacións nas probas escolares son totalmente gratuítas (é dicir, sub 6, sub 8, sub 10, sub 12, sub 14, sub 16 e sub 18) mentres que os demais atletas (sub 20, sub 23, senior e Master 1, 2, 3 e 4) deberán achegar 6 euros.
Premios
O Concello de Frades destina máis de 2.000 euros en premios para os cinco primeiros clasificados da categoría absoluta (250, 150, 100, 75 e 50 euros), tanto na categoría masculina como feminina; así como para os tres mellores equipos (150, 100 e 50 euros). A clasificación por clubs será establecida a través da suma dos puntos acadados polos seus 8 primeiros corredores en cruzar a liña de meta. A maiores, repartiranse vales de 100, 50 e 30 euros para os clubs que máis participantes acheguen á categoría escolar, vales que poderán cambiar por material deportivo.
Ademais dos premios en metálico, haberá trofeos para os tres primeiros clasificados de cada categoría, tanto para homes como para mulleres. O Concello de Frades tamén entregará trofeos especiais aos tres primeiros equipos masculinos e femininos, así como para os tres primeiros clasificados/as empadroados/as en Frades. Así mesmo, haberá medallas para todos os participantes escolares. Os trofeos non serán acumulativos, agás os correspondentes aos atletas locais.
Comments