O Concello de Trazo informou onte de que o día 19 de setembro foron atopados os corpos de dous becerros recén nacidos que foran desbotados nunha pista forestal de Campo, nas inmediacións do Monte da Medorra. As autoridades emprenderán as accións pertinentes ante unha infracción grave, tal como recolle a lei 8/2003, do 24 de abril, de sanidade animal, que di que "o abandono de animais, dos seus cadáveres ou de produtos ou materias primas que entrañen un risco sanitario para a sanidade animal, para a saúde pública ou contaminen o medio ambiente" incorrerán neste suposto. A este tipo de infraccións poderán aplicarse multas de ata 60.000 euros.
A recollida e xestión dos subprodutos animais non destinados ao consumo humano (entre os que se inclúen os animais mortos nas explotacións gandeiras) debe facerse mediante a empresa xestora correspondente e existen seguros agrarios que cobren este servizo, coa fin de garantir a bioseguridade das explotacións. Esta xestión dos subprodutos de orixe animal está destinada a velar pola seguridade da cadea alimentaria humana e animal, así como para reducir ao máximo os riscos para a saúde humana, a sanidade animal e o medio ambiente. O Concello considera que esta "falta de civismo" é un caso excepcional.
Comments