O Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) non está tendo en conta ás comunidades autónomas á hora de introducir posibles modificacións ou flexibilizacións na Política Agraria Común (PAC), malia que as autonomías son as que teñen que aplicar, sobre o terreo, esta lexislación.
Así o constatou de novo hoxe a Xunta, tras participar na reunión do Órgano de Coordinación do Plan Estratéxico da Política Agraria Común (PEPAC), que tivo lugar en Madrid baixo a presidencia do secretario general de Recursos Agrarios y Seguridad Alimentaria do MAPA, Fernando Miranda. A este encontro asistiu, en representación de Galicia, o secretario xeral técnico da Consellería do Medio Rural, Joaquín Macho.
O Goberno galego afea ao Ministerio -como tamén o fan outros representantes autonómicos- que esta xuntanza se convocara sen documentación previa, tratando de lanzar a mensaxe dunha negociación que non é real. Así, cómpre lembrar que as comunidades autónomas remitiran xa o pasado 15 de febreiro un documento de traballo que non tivo resposta. Polo tanto, Galicia -xunto con outras comunidades- queda á espera de que se lle remita un documento de traballo co que comezar as negociacións na semana do 11 de marzo.
Ademais, a Xunta lembra que avisou -ao igual que outros territorios- da problemática do campo español (e galego en particular) desde as reunións previas nos meses de setembro e outubro en todos os foros nos que tivo oportunidade, ser recibir outra contestación que non fora unha rotunda negativa a unha posible modificación ou flexibilización.
A maiores, Galicia demanda tamén rapidez na toma de decisións, xa que a campaña da PAC 2024 comezou xa o pasado 1 de febreiro. Xa que logo, dende aquela transcorreu máis de un mes e todas as medidas que se poidan adoptar van producir retrasos na solicitude das axudas e, en consecuencia, na xestión e realización dos pagamentos oportunos.
Reclamacións de Galicia
Neste encontro, o representante galego trasladou de novo as principais reclamacións da nosa comunidade en relación coa actual situación do agro en Europa e os posibles cambios na normativa comunitaria reguladora da PAC. Neste sentido, Galicia avoga por unha aplicación progresiva (en tempo e forma) da batería de medidas que resulte deste proceso comunitario, que será fundamental para o futuro do noso sector agrario, e que se teñan en conta as comunidades autónomas no seu deseño.
Así, a Xunta considera que cómpre traballar para conseguir unha verdadeira adaptación da PAC ás peculiaridades de cada un dos territorios que conforman a Unión Europea, e en particular ás condicións do agro galego, contemplando factores coma o minifundismo, o tipo de solos, o relevo do terreo, o clima ou o carácter familiar das explotacións profesionais. Todas estas condicións deben respectarse, segundo o Goberno autonómico, á hora de regular a nutrición dos solos, o uso de fitosanitarios ou adaptar os ecorexímenes á realidade dos territorios.
Por iso, reclámase unha moratoria urxente e temporal da nova lexislación comunitaria que está a impoñer trabas a agricultores e gandeiros, co fin de abrir un período de reflexión que desemboque no redeseño das políticas cuestionada, apostando por unha redución da carga administrativa de agricultores e gandeiros, en cuestións fundamentais como flexibilizar o uso do caderno dixital ou a figura do veterinario de explotación. Ademais, Galicia remarca a necesidade de introducir dun xeito obrigatorio cláusulas espello nos tratados internacionais, primando a transparencia no mercado e con prezos xustos, e garantindo, a nivel estatal, o cumprimento da Lei da Cadea Alimentaria.
Borrador do Ministerio
MAPA e CC.AA. volverán reunirse a próxima semana (mércores 13 ou xoves 14), antes de que España inicie o «diálogo informal» coa Comisión Europea, para definir os cambios que se van expor, segundo o Ministerio, que está tamén á espera de que Bruxelas avance as modificacións concretas que se van levar a cabo.
O MAPA espera, con todo, traballar para dispoñer dun documento provisional de alcance das modificacións do PEPAC, que se lles fará chegar tanto ás OPAs, como ás CC.AA. a finais desta mesma semana para analizalo e debatelo na seguinte.
Commentaires