top of page

A Xunta investirá 50.000 euros no abastecemento de Pibideira e o Peñasco, en Frades



O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, aproveitou unha visita á depuradora de Touro para informar da nova orde da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade para apoiar aos concellos máis pequenos, cunha poboación igual ou inferior a 5.000 habitantes, na execución de obras de abastecemento, saneamento e depuración, á que destina un investimento global que rolda os 4 millóns de euros en toda Galicia.


Trenor informou de que estas axudas beneficiarán entre outros sete municipios a Frades. Os outros concellos beneficiados son Boimorto, Santiso, Sobrado, Toques, Touro e Val do No caso de Frades, investiranse 50.000 euros para a ampliación do abastecemento aos lugares de Pibideira e Peñasco.


Con esta liña de subvencións, a Xunta trata de apoiar actuacións nos municipios cunha poboación igual ou inferior aos 5.000 habitantes para garantir o mellor funcionamento destes servizos de competencia local.

O límite máximo das axudas foi de 50.000 euros por solicitude, sendo compatibles ambas as liñas de actuación. Así, os concellos tiveron a opción de presentar dúas solicitudes, unha referida a actuacións en sistemas de abastecemento e outra para actuacións en sistemas de saneamento e depuración.


Estes incentivos, compatibles con outras axudas, subvencionan os investimentos realizados desde o 1 de xaneiro deste ano e inclúen, tanto os investimentos realizados na execución das propias obras, como os gastos asociados a elas en materia de actividades preventivas e accións de coordinación empresarial, de control de calidade ou de dirección dos traballos.

Con esta iniciativa a Xunta segue a traballar cos concellos apoiándoos na adopción de medidas que garantan o mellor funcionamento dos servizos da auga, de competencia municipal, que redundan na calidade de vida dos veciños dos municipios máis pequenos de Galicia.

Esta actuación da Xunta conta coa financiación do eixo REACT-UE do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.


Comments


bottom of page