A Xunta de Galicia anunciou hoxe a próxima instalación dunha caldeira de biomasa no centro de saúde de Ordes. A intervención, que custará case 160.000 euros, está incluída nun lote de obras para introducir enerxías renovables en centros de saúde do país. Así o anunciou hoxe o delegado territorial da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, e a xerente do Área Sanitaria, Eloína Núñez Masid, durante unha visita ás instalacións sanitarias, acompañados polo alcalde de Ordes, José Luis Martínez Sanjurjo , o director de atención primaria da área compostelá, Felipe Calle e o xefe de servizo do centro, Jacobo Laia.
Esta nova intervención significará, tal como sinalou Eloína Núñez, un aforro de 20.000 litros de gasóleo ao ano, reducindo a emisión de 57,36 toneladas de dióxido de carbono. Durante a visita, ademais comprobaron que avanzan a bo ritmo as obras para ampliar a unidade de Saúde Mental con 5 novas consultas aproveitando a cuberta aterrazada do PAC.
Comments