top of page

A Xunta adxudica a humanización da contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia (Frades)

Actualizado: 27 oct 2022


A Xunta de Galicia vén de adxudicar, por máis de 120.000 euros, as obras de humanización da contorna dos núcleos de Papucín e Fonte Santaia, no concello de Frades. A intervención centrarase nas vías que conducen aos centros de ambas as dúas parroquias do municipio, onde se habilitarán sendas peonís, se introducirán canalizacións para a auga e o alumeado público, e se colocará unha estrutura para cubrir os contedores de lixo.


O ámbito de intervención, cunha superficie de 1.406 metros cadrados, correspóndese cos viarios existentes no lugar da Igrexa (na parroquia de Santa María de Papucín) e coa zona comprendida entre Fonte Santaia, As Corredoiras e A Igrexa (en Santaia de Moar). Os traballos teñen un prazo de execución de 6 meses. A actuación principal consistirá na creación de itinerarios para peóns cun ancho de 1,8 metros, aínda que no caso de Papucín optarase por habilitar unha cuneta transitable xa que as dimensións da vía non permiten a creación deses itinerarios peonís. Así mesmo, en Fonte Santaia crearase unha zona de convivencia entre tráfico rodado e peonil empregando o mesmo pavimento que nos sendeiros: formigón en cor natural de 15 centímetros de espesor, armado con malla sobre saburra.


O acordo enmárcase nos obxectivos do plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta no ano 2010 para axudar ás entidades locais a executar proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de espazos e infraestruturas de uso público e colectivo mediante acordos nos que se regulan as bases da colaboración técnica e económica entre Administración local e autonómica. Grazas a esta iniciativa, dende 2010 a Xunta comprometeu máis de 162 millóns de euros para o financiamento de máis de 380 intervencións urbanísticas en decenas de concellos, para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Comments


bottom of page