O presidente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Manuel Mirás Franqueira, e o reitor da Universidade da Coruña, Julio Abalde Alonso, asinaron onte pola mañá no Reitorado da UDC un convenio de colaboración para a realización dun completo estudo sociocultural, económico, medioambiental e institucional que permita identificar os elementos máis relevantes do Camiño Inglés de cara á proposta de estratexias e accións concretas que afiancen a súa sostenibilidade.
Manuel Mirás puxo en valor o convenio asinado onte como un dos tres eventos máis importante na curta historia desta entidade, canda a súa propia constitución e a consecución do apoio da Deputación da Coruña. “Estou convencido da gran potencialidade desta ruta e estou seguro de que, coa colaboración da Universidade da Coruña, seguiremos sumando esforzos para situar ao Camiño Inglés no lugar que lle corresponde”, sinalou o presidente da entidade.
Neste sentido, Manuel Mirás destacou que “este traballo vainos permitir moitas cousas que descoñecemos do Camiño Inglés e, sobre todo, vainos permitir coñecer as nosas fortalezas e debilidades, pero tamén as oportunidades que se nos presentan cara o futuro”. O presidente da Asociación salienta que o Camiño Inglés “pode converterse nunha importante fonte económica para os veciños e veciñas dos concellos por onde discorre”.
“Segundo datos da Oficina do Peregrino, en 2019 fixeron o Camiño Inglés un total de 15.780 persoas. Pode que vos pareza un dato pequeno, comparado cos case 190.000 peregrinos do Camiño Francés... pero, se botamos a vista dez anos atrás, vemos que o Camiño Inglés é o que medra a maior ritmo de todos: un 780% nesta última década. O Francés tamén crece, pero un 68%”, exemplificou Mirás Franqueira.
Visibilizar o Camiño
Pola súa banda, o reitor da Universidade da Coruña destacou que “este é o primeiro convenio que se firma por profesorado da titulación de Turismo”, recentemente incorporada e salientou a importancia da realización deste tipo de traballos porque “é importante ser quen de analizar todas as posibilidades de desenvolvemento económico e social que nos permitan volver canto antes á situación anterior”.
Julio Abalde salientou tamén que “é importante que se visibilicen outros Camiños, non só o Francés”, sobre todo cando entramos nunha década con tres anos xacobeos. “Espero que o traballo sexa unha ferramenta moi válida para que os concellos por onde pasa o Camiño Inglés poidan planificar o seu futuro”, indicou o reitor coruñés, quen agradeceu a confianza depositada na Universidade da Coruña “e que isto sexa o inicio dunha colaboración futura”.
Traballo
No acto estiveron presentes Carlos Rodríguez Carro e Pablo Abeal, profesores da UdC responsables da investigación. Carlos Rodríguez explicou que o obxecto do estudo “ten como obxectivo principal a identificación dos elementos máis relevantes do Camiño Inglés para a proposta de estratexias e accións concretas que afiancen a súa sostenibilidade". Esta perspectiva ten catro piares esenciais: socio-cultural, económico, medioambiental e institucional. A información necesaria acadarase principalmente a partir do deseño e realización de enquisas.
O traballo incluirá análise de datos como os de coñecemento do Camiño Inglés dende a perspectiva nacional e europea (centrada no Reino Unido e países do norte de Europa). Estudo das características, percepción e motivación do peregrino potencial. Tamén se analizará o perfil, necesidades e opinións dos peregrinos neste atípico ano de pandemia pola Covid-19. Estudaranse coñecemento do Camiño Inglés por parte das persoas encargadas da xestión turística nos distintos Concellos por onde transcorre esta ruta e a visión do Camiño Inglés polos residentes dos diferentes Concellos por onde transcorre esta ruta.
Ademais, levarase a cabo unha análise do perfil, necesidades e demandas das empresas que prestan servicios turísticos no Camiño Inglés, e outra dende a perspectiva da sostenibilidade do Camiño Inglés (visión económica, social, institucional e medioambiental). Por último, farase un estudo do impacto socioeconómico do Camiño Inglés no territorio polo que que transcorre.
Á sinatura do convenio de colaboración asistiron tamén o director-xerente da Fundación Universidade da Coruña, Juan José Gómez Romero; a xerente da Asociación de Concellos do Camiño Inglés, Cristina García Souto; e o deputado provincial responsable de Economía, Antonio Leira Piñeiro.
Comments