O pasado mércores 16 de novembro inaugurouse en Mesía a exposición Coreografías do saber: o traballo feminino en Gustav Henningsen, que pode verse na Casa da Cultura ata o 15 de decembro como parte do proxecto artístico A ollada de Gustav. A investigación sobre a identidade e a tradición galegas que o recoñecido antropólogo e folclorista danés levou a cabo nos anos 60 a é o fío condutor desta proposta multidisciplinar da compañía escénica aAntena, que se desenvolve en 12 concellos ao abeiro do programa da Xunta Territorio Cultura.
O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou na presentación xunto aos representantes do Concello de Mesía, de aAntena e do Museo do Pobo Galego, que produce e comisaría a mostra, explicou que se trata dunha das 14 iniciativas apoiadas na primeira quenda de subvencións deste fondo. O seu importe global suporá un investimento próximo aos 1,3 millóns de euros en iniciativas públicas e privadas para ampliar e diversificar a oferta cultural do rural galego.
Comments