A Deputación da Coruña publicou onte no BOP a concesión definitiva do Programa de Servizos Sociais Comunitarios 2022, que suporá un importante investimento de 8,3 millóns de euros para financiar a contratación de 177 profesionais do ámbito social e un total de 386.823 horas de servizo de axuda no fogar nos municipios de menos de 20.000 habitantes da provincia.
No caso da comarca de Ordes, todos os concellos se beneficiarán deste programa. En Mesía, financiaranse 4.392 horas de Axuda no Fogar cun investimento total de 92.180,20 €. En Oroso, serán 6.500 horas e 118.000,00 €. En Tordoia, a Deputación financia 1.600 horas con 59.200,00 € de investimento. En Frades serán 3.360 horas cun investimento de 40.320,00 €, e en Ordes serán un total de 4.800 horas e 57.600,00 €. En Cerceda concédense 148.000,00 € para 9.000 horas, e en Trazo 3.500 horas e 82.000,00 €.
O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, afirma que “seguimos a cumprir co noso compromiso de reforzar todos os programas de protección social, tanto os da Deputación como os que dan apoio aos municipios da provincia”, afirmou o presidente provincial, que destacou que “a Deputación financia hoxe na provincia 100.000 horas máis de servizo de axuda no fogar na provincia que hai dous anos”.
Formoso subliñou o gran esforzo que teñen que facer os pequenos concellos para poder contar cunha plantilla de profesionais especialistas no eido social. “Por este motivo seguimos incrementando a dotación económica deste programa, un dos piares da Área Social da Deputación, permitindo que os concellos podan contratar máis persoal administrativo, técnico e de axuda a domicilio”, incidiu.
“Os profesionais que a Deputación axuda a contratar son os que buscan solucións aos problemas diarios das persoas máis desfavorecidas ou que atravesan situacións difíciles, os que atenden nas casas aos maiores e dependentes”, explicou González Formoso, que destacou que moitos municipios viron incrementada a carga de traballo do seus servizos sociais nos últimos dous anos debido á pandemia e á situación socioeconómica.
Estes profesionais atenden cada día a miles de cidadáns con problemas de índole social, que con frecuencia pertencen a colectivos especialmente vulnerables: infancia, mulleres vítimas de violencia, persoas con especiais dificultades de inserción laboral, maiores sen recursos, persoas sen fogar ou con discapacidade.
Comments