Alcaldesas, alcaldes e reponsables técnicos e políticos das áreas de Servizos Sociais dos concellos coruñeses reuníronse onte na sede da Deputación para compartir ideas e experiencias de boas prácticas no ámbito social que os municipios da provincia están a desenvolver con cargo ao Fondo Social do Plan Único.
Os responsables políticos e técnicos dos concellos tiveron oportunidade de coñecer polo miúdo e compartir experiencias de boas prácticas que, no eido social, están desenvolvendo algúns concellos da provincia co apoio da Deputación, como o Banco de axudas técnicas de Cerceda, o programa de prevención da soidade non desexada que se está realizar en Vimianzo, Ortigueira e Muros; o programa de envellecemento activo do Concello de Carnota, o programa de atención temperá do Concello de Curtis ou os programa de vivenda social de Cabana de Bergantiños e A Pobra do Caramiñal.
No caso de Cerceda, o servizo de préstamo de axudas técnicas ofrece ás persoas con dificultades na autonomía persoal instrumentos que poidan necesitar para desenvolverse de xeito máis independente nas actividades da vida diaria: cadeiras de rodas, grúas, camas articuladas, andodores, ou cadeiras de baño e ducha, entre outros. Facilitan así ás familias coidadoras as tarefas cotiás.
A xornada foi inaugurada pola deputada de Benestar Social, Ana Lamas, que destacou que, en dous anos, a Deputación destinou 21 millóns de euros do Plan Único ao reforzo dos programas sociais dos 93 concellos da provincia. Ao igual que sucede cos fondos convencionais para obras e servizos do Plan Único, son os concellos os que deciden as súas prioridades á hora de investir os recursos consignados deste novo POS Social.
Dos máis de 21 millóns de euros que a Deputación destinou nos últimos dous anos a reforzar os servizos sociais municipais, algo menos da metade foron destinados a reforzar os Servizos de Axuda no Fogar (SAF), o que amosa a importancia que os concellos dan a este servizo fundamental de apoio a persoas maiores e a necesidade de reforzar o persoal e medios cos que contan.
Tamén destacan os fondos do Plan Único que os concellos destinan a ampliar as partidas económicas que teñen consignadas para os seus programas de protección e axuda social e os destinados á contratación de persoal
Lamas lembrou que a Deputación da Coruña “reforzou nos últimos dous anos todos os seus programas sociais” e que, xunto coas accións de creación de emprego e reactivación económica son “unha prioridade estratéxica” do goberno provincial de Valentín González Formoso.
Commentaires