A Deputación da Coruña vén de aceptar a encomenda da Asociación de Concellos do Camiño Inglés e tramitará o procedemento de licitación do proxecto técnico “Actuacións de mellora e posta en valor do Camiño Inglés”, cun orzamento inicial de licitación de 435.893,79 euros. Un proxecto que inclúe actuacións de mellora da sinalización, alumeado, pavimentación e seguridade no Camiño Inglés ao seu paso polos 16 municipios integrados na Asociación.
“Agardamos que a Deputación poida sacar o proxecto a licitación nuns 60 días para poder telo adxudicado nun prazo de tres meses e medio e poder acometer as obras este mesmo ano”, explica o presidente da Asociación, Manuel Mirás, quen indica que “cada Concello disporá duns 25.000 euros para acometer actuacións de mellora no Camiño Inglés en materia de alumeado, sinalización, pavimentación, seguridade, arranxo de beirarrúas, habilitación de áreas de descanso...”.
Unhas actuacións que terán un carácter homoxéneo nos dezaseis municipios, como exemplifican os paneis informativos que se van instalar. Trátase duns paneis de madeira que se emprazarían na entrada de cada un dos concellos e que acheguen información de utilidade para o peregrino sobre que recursos de interese patrimonial, paisaxístico, cultural e turístico poden ser do seu interese ao paso da ruta Xacobea. Unha información dispoñible en galego, castelán e inglés, cunhas dimensións e imaxe conxunta para todos os municipios.
Procedemento
Grazas a este acordo, a Deputación da Coruña encargarase de aprobar o expediente administrativo de contratación, así como os pregos de cláusulas administrativas e prescricións técnicas, sacalo a licitación e facer a correspondente proposta de adxudicación. Unha vez formalizado o contrato coa entidade adxudicataria, a Asociación de Concellos do Camiño Inglés encargarase da execución e pago das obras.
O proxecto técnico conta cun orzamento inicial de 435.893,79, dos que o 78% procede dunha achega da Deputación da Coruña e o resto corresponde a achegas dos dezaseis municipios que integran a Asociación de Concellos do Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Carral, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela.
コメント