marzo 13, 2026

Frades e a Xunta investirán 150.000 euros na mellora da calefacción, o alumeado e a arquitectura metálica do centro de saúde de Ponte Carreira

O alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro Marzoa, mantivo unha reunión co xerente da Área Sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, José Manuel Facio Villanueva, para organizar a loxística necesaria durante a execución das obras de mellora da eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira. “Imos acometer unhas obras que van mellorar de xeito moi considerable as instalacións e as condicións nas que se presta a atencións sanitaria no centro de saúde de Ponte Carreira, o que beneficiará tanto á veciñanza como ao persoal sanitario que aló traballa, e estivemos analizando coa Xerencia a maneira de organizar todo para que a repercusión dos traballos sexa a mínima posible para os veciños e veciñas de Frades”, sinala Manuel Ferreiro.

O proxecto “Obra de eficiencia enerxética no centro de saúde de Ponte Carreira” conta cun investimento de máis de 150.000 euros e contempla o cambio de toda a arquitectura metálica do centro de saúde de Frades, así como os seus sistemas de calefacción e de iluminación. Unha actuación que se prevé executar antes do inverno de 2026.

Un centro case novo

Por outra banda, o alcalde en funcións de Frades aproveitou a reunión para agradecerlle a José Manuel Facio “a boa disposición da Consellería de Sanidade a asinar un novo convenio de colaboración co Concello de Frades para facer unha sala de emerxencias e pintar o interior do centro de saúde, ben a finais de 2026 ben no primeiro semestre de 2027”.