Mondoñedo acolleu o VIII Foro Labrego de Agroecoloxía do SLG, un encontro financiado pola Área de Medio Rural, Mar e Mocidade da Deputación de Lugo. O amor pola terra, a liberdade e poder vivir dignamente do traballo son tres das chaves fundamentais para dar e coller o relevo na actividade agraria, que debe ademais camiñar cara á agroecoloxía. Un encontro no que houbo unha alta participación de persoas labregas e de mozas e mozos que entenden o medio rural como a súa forma de vida e queren apostar por el, nun momento no que ademais son moitas as granxas que están pechando nestes últimos anos. Hai exactamente un ano, en febreiro de 2025, o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) manifestábase en Lugo contra a denegación masiva de incorporacións e plans de mellora, que ameazaba a viabilidade de centos de granxas galegas. O 70% das persoas titulares de granxas xubílanse nos próximos anos e a previsión é que as incorporacións non cubran o 5% dos abandonos. Ante este contexto, o SLG pregúntase que fai a Consellería do Medio Rural (CMR). “Non resolver as axudas de incorporacións e plans de mellora correspondentes ao ano 2025”, afirman desde o sindicato agrario.
A Secretaria Xeral do Sindicato Labrego Galego, María Ferreiro, acudiu á xuntanza á que nos convocaron sobre a Política Agraria Común (PAC) e na que a Consellería do Medio Rural tentou establecer un acordo común sobre o tratado de libre comercio entre a Unión Europea e o Mercosur e que o SLG denunciou coma unha trampa. Ferreiro aproveitou a reunión para preguntarlle á Consellería do Medio Rural polos expedientes de incorporación da convocatoria de 2025, e confirmaron desde a Xunta que a semana pasada limos non vai haber unha aprobación desas axudas da convocatoria de 2025.
Para o sindicato agrario de corte nacionalista, a idea da administración é non resolver as axudas de incorporación e plans de mellora de 2025 e xuntalas coas convocatoria de 2026 e 2027. Dende o Sindicato Labrego Galego acusan á Xunta de estar comprometendo a vida de moitas persoas, gandeiras, agricultoras, produtoras que organizaron a súa vida contando con esa axuda, que xa fixeron investimentos, que tivemos que coller a granxa por xubilación, etc. Amosan preocupación polo que pode pasar no futuro, que as persoas que solicitaron en 2025 se atopen con impedimentos para poder solicitar en 2026, que non se cumpran os requisitos, etc. Non conciben que as persoas que queren apostar por un proxecto no rural teñan que estar dous anos agardando a que se resolva unha convocatoria, cando nalgúns casos xa se incorporaron ou fixeron investimentos contando con ela. O SLG esixe de maneira urxente que se resolva a convocatoria de 2025, é unha cuestión de xustiza, aseveran.
Ademais, dende esta organización solicitan que, no caso de que non chegue o orzamento previsto pola Consellería do Medio Rural para tratar esta cuestión, que se faga unha convocatoria específica no ano 2026 para as persoas que queden fóra da resolución de 2025 por criterios de prioridade, garantindo as condicións de 2025.
Nese senso, advirten da cuestión orzamentaria e temen que sexa escaso o diñeiuro orzamentado, xa que tendo en conta que o ano pasado cun orzamento de 30,5 millóns de euros non foron suficientes para cubrir a totalidade das solicitudes, que acontecerá agora cos 53 millóns cos que se pretende cubrir dúas convocatorias, preguntan desde o SLG.