mayo 19, 2026

O PSOE de Ordes acusa a Martínez Sanjurjo de “poñer ao PP por diante dos intereses de Ordes” no conflito da N-550

O PSOE de Ordes cargou con dureza contra o alcalde, José Luis Martínez Sanjurjo, ao que acusa de actuar “máis como portavoz do Partido Popular que como alcalde de todos os veciños e veciñas de Ordes” tras as súas declaracións sobre a conexión da futura Ronda Sur-Oeste coa N-550.

A portavoz socialista, Noelia Rivadas, considera que Sanjurjo “vive instalado na confrontación permanente” co único obxectivo de “facer oposición política ao Goberno de España e á Deputación”, en lugar de defender os intereses do municipio.

“Hoxe o alcalde xa pide descaradamente o voto para Feijoo. Xa chegará o tempo de pedir o voto para Feijóo, pero mentres tanto o que lle corresponde é abandonar a trincheira política e gobernar para os veciños e veciñas de Ordes, non para o PP”, afirmou Rivadas.

Os socialistas reiteran que o problema da conexión da ronda coa N-550 é consecuencia dunha “chapuza de planificación da Xunta”, que proxectou unha nova infraestrutura autonómica “sen resolver previamente o nó de conexión coa estrada estatal”.

“O Ministerio deseñou unha glorieta para mellorar a seguridade viaria nun punto especialmente perigoso da N-550. O que non fixo a Xunta foi explicar como pensaba encaixar aí unha nova ronda sur-oeste, con máis tráfico e máis conexións. Iso é o que o señor Sanjurjo intenta tapar atacando a outras administracións”, sinalou a portavoz socialista.

Rivadas considera “incomprensible” que o alcalde “prefira saír en defensa da Xunta antes que reclamar unha solución seria e segura para Ordes” e lamenta que “todo o seu discurso político se basee en botar balóns fóra”.

“O señor Sanjurjo utiliza constantemente a confrontación para ocultar a súa incapacidade de xestión. Mentres dedica o tempo a facer oposición ás administracións gobernadas polo PSOE, estas seguen investindo en Ordes como nunca antes”, apuntou.

Neste sentido, o PSOE lembrou que a Deputación da Coruña mantén no municipio “un nivel de investimento histórico”, multiplicando ata por tres os investimentos que recibía Ordes cando o PP gobernaba a institución provincial.

“Os veciños e veciñas de Ordes non precisamos un alcalde en campaña permanente nin un delegado político de Feijóo. O que precisamos é un alcalde que defenda os intereses do municipio por enriba dos intereses do Partido Popular”, concluíu Noelia Rivadas.