A conselleira do Medio Rural, María José Gómez, participou na inauguración en Santa Comba do segundo centro en Galicia de Lely, unha empresa que ofrece solucións tecnolóxicas e innovadoras para o sector gandeiro. Neste sentido, destacou o papel de Galicia como unha das rexións líderes en modernización gandeira a nivel nacional, situando ás granxas galegas á altura das máis punteiras de Europa.
Durante a súa intervención, a conselleira puxo en valor o labor de Lely ao achegar tecnoloxía que coida do benestar dos animais e facilita o día a día das persoas que traballan no campo. Engadiu tamén que instalacións como esta inaugurada en Santa Comba, ademais de axudar ás explotacións da zona a ser máis competitivas, contribúen a crear emprego e xerar oportunidades no rural.
Ademais, Gómez salientou que Galicia é unha potencia leiteira, xa que na nosa comunidade prodúcese o 42 % do leite de toda España, o que a converte da novena rexión produtora de Europa. Puxo como exemplo o concello de Santa Comba e a comarca do Xallas como zonas destacadas na nosa comunidade dentro deste eido produtivo.
Neste senso, enxalzou o traballo, o esforzo e o compromiso dos gandeiros galegos a prol do sector lácteo, que representa a Galicia Calidade a través de produtos de primeiro nivel, do benestar animal, o respecto polo medio ambiente e o traballo das persoas que o compoñen.
Contratos do sector lácteo e acordo UE-Mercosur
No marco das negociacións dos novos contratos do sector lácteo, a conselleira pediu corresponsabilidade ás industrias lácteas para axudar a soster este eido produtivo, que é relevante para Galicia. Neste sentido, engadiu que “non está xustificada” unha baixada tan pronunciada nos prezos que se están contemplando.
A maiores, en relación co acordo UE-Mercosur, recalcou que desde o Goberno galego se incrementarán os controis e lembrou a creación do Observatorio de Prezos de Galicia para facer un seguimento continuo dos prezos e así actuar no caso de detectar alteracións destacables. Neste senso, esixiu ao Executivo central un maior control nas fronteiras e que os produtos que entren de terceiros países cumpran as mesmas esixencias que respectan os produtores galegos.
Tamén fixo fincapé na futura Política Agraria Común, que suporá un recorte do 22% do orzamento e recalcou que desde Galicia seguirase pelexando, conxuntamente coas organizacións agrarias que representan ao sector, para conseguir unha PAC forte e con fondos diferenciados.
Plans de mellora
A Consellería do Medio Rural conta con axudas para investimentos e mellora de explotacións agrarias, os coñecidos como plans de mellora, a través dos cales se pode financiar a adquisición de maquinaria como robots de muxido, entre outras actuacións, que permitanaumentar a competitividade das granxas a curto e longo prazo, así como incidir na remuda xeracional no sector agrogandeiro.
Neste sentido, ao longo do primeiro trimestre deste ano publicarase unha nova convocatoria para favorecer a remuda xeracional, dotada cun orzamento de 53 millóns de euros -23 millóns para a incorporación de mozos e 30 millóns para os plans de mellora asociados- para favorecer a rendibilidade das explotacións.