A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde en funcións de Frades, Manuel Ferreiro, visitaron o 2 de maio o muíño de Ponte Carballa, unha instalación que foi recuperada xunto coa súa contorna grazas a un investimento de case 17.500 euros, dos que 14.442 euros proceden dunha axuda da liña de apoios a concellos para a execución de actuacións de conservación, recuperación e rehabilitación do patrimonio natural e cultural en Rede Natura 2000.
Segundo explicou Ángeles Vázquez durante a visita, o obxectivo destas axudas é preservar a biodiversidade, potenciar os servizos ecosistémicos e conservar os hábitats, paisaxes e elementos patrimoniais tradicionais existentes na contorna. No caso concreto do muíño de Ponte Carballa, instalouse un novo tellado illante, sobre o que se colocou unha cuberta de tella substituíndo o anterior tellado, que estaba moi deteriorado. Así mesmo, retirouse a madeira danada do taboleiro e colocáronse novas táboas de castiñeiro. A maiores, renovouse a porta de madeira do muíño, abriuse a canle de saída e rehabilitouse a de entrada.
Manuel Ferreiro agradeceu a colaboración da Xunta de Galicia “na recuperación e posta en valor desta área recreativa da Ponte Carballa que compartimos Frades e Mesía. Un espazo onde, ademais de recuperar este anaco da nosa historia que é o muiño da Ponte Carballa, a Xunta tamén axuda ao seu mantemento a través dos obradoiros duais de emprego”. Conselleira e alcalde en funcións estiveron acompañados na visita polos concelleiros de Benestar Social, Ángeles Álvarez; Turismo, Jesús Francos; e Patrimonio, Juan Carlos Portos.