Os atletas David de la Fuente Gómez (Playas de Castellón) e Eva Piñel Lorenzo (Club Deportivo Delikia) foron os gañadores da undécima edición da Carreira Pedestre Popular do Concello de Frades, celebrada o 1 de maio na contorna de Ponte Carreira e que rexistrou a maior participación da súa historia: 629 atletas dos 808 inscritos inicialmente. Unha cifra que supón superar en 39 corredores a anterior marca, establecida o ano pasado con 718 inscritos e 590 cruzando a liña de meta. Así, tomaron a saída un total de 629 atletas, 294 da categoría absoluta e 335 escolares. Para facerse unha idea do crecemento experimentado por esta proba nos últimos anos, basta con ter en conta que a proba absoluta medrou en 123 participantes entre 2024 e 2026.
Despois de once anos rompeuse por fin a única “maldición” que quedaba nesta proba e David de la Fuente foi quen de encadear por primeira vez dous triunfos seguidos en Frades. O atleta de Marín únese así a Lolo Penas e Nuno Costa, únicos corredores con dúas vitorias en Frades, se ben De la Fuente é o único que foi quen de defender o seu título. Na proba feminina, Eva Piñel inscribiu o seu nome entre as gañadoras desta proba na que foi a súa primeira participación.
O mellor atleta local foi Adrián Garabato Lagares, do Club Triatlón Compostela, cun tempo de 32 minutos e 2 segundos que lle serviron para entrar no posto 29 da xeral.